Fin a tres anos de conflito no metal da provincia da Coruña

UXT e CC.OO. alcanzan un preacordo coa patronal para o convenio, vencido desde 2014. Nos meses de xuño e xullo os traballadores secundaron sete xornadas de folga e agora convocaran un paro indefinido

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2017 | Actualizada ás 11:15

Comparte esta noticia

UXT e CC.OO. alcanzaron un preacordo coa patronal do sector para a renovación do convenio do metal da provincia da Coruña. Estas centrais, ao amparo dunha mediación no Consello Galego de Relacións Laborais, destacan que este preacordo "pon fin ao conflito" que "xa duraba máis de tres anos".

Protesta do metal da Coruña
Protesta do metal da Coruña | Fonte: Europa Press

Nos meses de xuño e xullo os traballadores secundaron sete xornadas de folga e agora convocara un paro indefinido, o que as organizacións sindicais consideran que forzou aos empresarios ao preacordo, segundo destaca UXT.

O convenio do sector do metal, que afecta a máis de 18.000 traballadores na provincia da Coruña, estaba vencido desde o ano 2014.

UXT e CC.OO. resaltan que "unha vez chegado a este acordo a negociación colectiva no sector vivirá unha estabilidade ata o ano 2020, permitindo así a continuación da recuperación e o fortalecemento do sector".

O pasado mércores día 13, ambos os sindicatos presentaron unha convocatoria de folga de carácter indefinido a partir do19 de setembro, cuestión que precipitaba unha convocatoria da mediación.

"IMPORTANTÍSIMOS LOGROS"

Despois de máis de oito horas de reunión, pechouse un preacordo onde se inclúen "importantísimos logros para os traballadores", segundo valoran UXT e CC.OO., que, en primeiro lugar, refírense a un incremento salarial "de máis de 8 puntos", e á recuperación da cláusula de revisión salarial.

En segundo termo, reivindican a obriga de aplicar o convenio do metal aos traballadores das empresas multiservicios que operen no ámbito do convenio.

Citan, en terceiro posto, as licenzas e permisos de ata 22 horas para acompañar aos fillos menores de 15 anos e os pais a cargo ao médico, así como poder contar con tres días por enfermidade grave ou hospitalización en días laborables alternos.

A recuperación de puntos "tan ansiados" polos traballadores como a consolidación e incremento dos pluses de xefe de equipo, actualización da antigüidade ou activación da "tan demandada" revisión salarial son outras das medidas que inclúe o preacordo.

"Todo isto sen deixar polo camiño que se contemple a subrogación no mantemento para aqueles que presten servizo en empresas públicas, así como a creación de comisións de traballo nas que se analizará e estudará a inclusión da subrogación para outros sectores, e para os acordos do naval", explican.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta