Comparte esta noticia

A Plataforma Salvemos Cabana vén de presentrar alegacións ao polémico proxecto de reapertura da mina de Touro. Ademais, pon a disposición de todas aquelas persoas interesadas un modelo básico de alegacións que pode descargarse en ir.gl/alegatouro e entregarse asinado en calquera rexistro público ata o próximo día 4 de outubro, data na que segundo a nova normativa remata o período de exposición pública deste plan mineiro.

Mina en Touro.
Mina en Touro.

Entre outros factores, Salvemos Cabana considera que "non debe someterse a trámite un novo proxecto sen proceder previamente á restauración completa do desastre ambiental provocado por anteriores operacións mineiras en virtude da Lei 3/2008". Ademais, entenden que "sería preceptiva a realización dun estudo epidemiolóxico que permita valorar cales foron os verdadeiros efectos da actividade extractiva pasada sobre a saúde da poboación" nesta zona, moi próxima a Santiago de Compostela.

De feito, a zona na que pretende levarse a cabo a iniciativa, explotada a ceo aberto a escala industrial entre os anos 1970 e 1986, presenta "graves problemas de restauración derivados do proceso de oxidación dos sulfuros metálicos presentes no mineral e o tipo de procedementos empregados no seu momento", o que "rematou por provocar unha afección inadmisible sobre augas superficiais e subterráneas e, polo tanto, un problema de saúde pública", denuncia Salvemos Cabana.

Logo do estudo da documentación achegada, a Plataforma non valora como "compatible" o proxecto coa Directiva Comunitaria 2000/60/CE (Directiva Marco da auga), que considera que a auga "é un patrimonio que hai que protexer, defender e tratar como tal" e busca no seu plantexamento "unha maior protección e mellora do medio acuático" mediante "a supresión de verteduras e substancias perigosas" ao recurso hídrico, algo que, segundo os ecoloxistas, é "imposible de acadar polo inmenso volume dos distintos tipos de estériles previstos na explotación e a súa potencialidade xeradora de drenaxe aceda de minas (DAM) en contacto cos elementos".

Ao respecto, aínda que a promotora considera a impermeabilización dos emprazamentos mediante a utilización de xeomembrana e xeotextil para impedir as fugas, Salvemos Cabana advirte de que "non se pode garantir unha duración indefinida destes materiais, e hai que ter en conta que o plan post-clausura tamén ten unha duración concreta, polo que a posibilidade de filtracións ao cabo do tempo seguirá estando presente unha vez superada a fase de peche de operacións".

Drenaxe ácida nunha canle na capital municipal de Touro, Fonte Díaz
Drenaxe ácida nunha canle na capital municipal de Touro, Fonte Díaz | Fonte: Salvemos Cabana.

Ademais, a documentación achegada pola promotora, di Salvemos Cabana, "non aclara cales serán as necesidades hídricas da iniciativa nin como vai obter a auga sen afectar ás traídas municipais, nin cal pode ser a afectación real aos mananciais locais que fornecen auga á poboación da área de influencia do proxecto".

"A MINERÍA SUSTENTABLE NON EXISTE"

Doutra banda, a promotora deste proxecto mineriro reiterou o seu compromiso cun concepto acuñado pola patronal mineira como é o da "minería sustentable". A xuízo da Plataforma Salvemos Cabana, en actividades extractivas pode falarse dunha "minería razoable" no que se refire ao aproveitamento de recursos do subsolo, pero non de "minería sustentable", máis cando se fala de actividades non perdurables no tempo e a explotación do recurso supón o seu esgotamento. Moito menos, salientan, no caso de proxectos de megaminería como o proposto nos municipios de Touro e O Pino, no que a dimensión dos traballos, realizada a grande escala, implica a utilización de inmensos volumes de auga, procesado de grandes cantidades de rocha, e o emprego de reactivos químicos de elevada toxicidade.

EFECTOS NEGATIVOS SOBRE NÚCLEOS DE POBOACIÓN 

Para Salvemos Cabana resulta "inaceptable" que unha actividade mineira de semellantes proporcións poida autorizarse na proximidade de núcleos de poboación como Arinteiro e Torreis de Arriba, sobre todo tendo en conta as "numerosas molestias" que se derivan da actividade extractiva, que "só poden ser minimizadas con medidas correctoras e compensatorias, pero non suprimidas na súa totalidade", advirten.

IMPACTO SOCIOECONÓMICO

Finalmente, na documentación sometida a consultas a promotora fai referencia aos supostos efectos positivos do proxecto e achega unhas cifras de emprego total dificilmente cribles, pero con todo "non profundiza nas moitas e importantes afeccións negativas do proxecto sobre actividades como a agricultura, a gandería ou o sector forestal", sinala Salvemos Cabana. De igual xeito, o proxecto "non entra a valorar a depreciación que sufrirá o valor dos bens inmobles dos propietarios, algo que adoita ser unha triste realidade neste tipo de iniciativas industriais", proseguen.

DESESTIMACIÓN DO PROXECTO

Debido a estes e outros factores, a Plataforma solicitou á Xunta que desestime a autorización administrativa á actualización do proxecto de explotación e plan de restauración da mina de Touro, e que dicte unha declaración de impacto ambiental desfavorable en virtude dos efectos negativos da proposta.

ENTREGA DE ALEGACIÓNS

Así mesmo, a Plataforma lembra que segundo a nova normativa, o prazo de alegacións finaliza o próximo día 4 de outubro e que pon a disposición de todas aquelas persoas interesadas un modelo básico de alegacións que pode descargarse en ir.gl/alegatouro e entregarse asinado en calquera rexistro público dirixido á Consellería de Economía Emprego e Industria ata o vindeiro mércores 4 de outubro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta