Que autonomías son as máis beneficiadas e prexudicadas fiscalmente?

Madrid ten un saldo fiscal negativo de 19.205 millóns de euros, mentres que o déficit catalán é a metade, 9.892 millóns. Galicia é a cuarta autonomía máis beneficiada polo sistema de solidariedade autonómica, cun saldo positivo de 3.692 millóns, case o mesmo que Euskadi. No gasto territorializable por habitante, os máis prexudicados son valencianos e murcianos e os más beneficiados, ceutís, melilleses, vascos, navarros e canarios.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/10/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Catro autonomías aportan ás arcas do Estado máis do que reciben: Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciá e Baleares. No resto, os seus cidadáns reciben en gasto público máis do que aportan á caixa común. En conxunto, madrileños, cataláns, valencianos e baleáricos suman un déficit fiscal total de 32.348 millóns de euros, a mesma cantidade que se distribúen entre as trece autonomías restantes máis Ceuta e Melilla, todas elas cunha balanza fiscal positiva. Pero hai unha autonomía que é, con diferenza, a peor parada no Sistema de Cuentas Públicas Territoriales (SCPT), as coñecidas como balanzas fiscais; esa autonomía é Madrid, que soporta practicamente o 60 por cento deses 32.348 millóns de euros de déficit. Cataluña é a segunda máis prexudicada neste sistema, pero o seu déficit fiscal é a metade do madrileño.

Unha oficina da Axencia Tributaria
Unha oficina da Axencia Tributaria | Fonte: Ministerio de Hacienda

O prestixioso economista Ángel de la Fuente, director executivo da Fundación de Estudios de Economía Aplicada (FEDEA) e científico titular en excedencia do Instituto de Análisis Económico do CSIC, analizou e publicou recentemente os últimos datos dispoñibles das balanzas fiscais, que sitúan o déficit de Madrid en 19.205 millóns de euros, un saldo negativo que se foi incrementando progresivamente ano tras ano, desde os 16.433 millóns en 2005 até os actuais 19.205. Para Cataluña o saldo negativo é de 9.892 millóns, practicamente a metade que o madrileño. Se ben é certo que son 2.000 millóns menos que en 2005, cando se elevaba a -11.887 millóns de euros, tamén é algo máis de 2.000 millóns máis que en 2011, cando chegou ao seu mínimo con -7.666 millóns. Valencia, con -1.735 millóns, e Baleares, con -1.516 millóns, son as outras dúas autonomías nas que os seus cidadáns pagan máis tributos que o gasto público que reciben do Estado.

A balanza fiscal de Galicia sitúa o noso país como a cuarta autonomía máis beneficiada neste sistema, cun saldo positivo de 3.692 millóns de euros. Este saldo mantívose máis ou menos estable entre 2011 e 2014, cun mínimo de 3.240 millóns en 2011 e un máiximo de 3.829 en 2012. Con todo, en 2005 foi maior, cun superávit fiscal de 4.034 millóns.

Por enriba de Galicia sitúanse Andalucía, a máis beneficada, cun saldo positivo de 7.689 millóns de euros, seguida por Canarias, con 4.293 millóns e Castela e León, con 4.280 millóns. Xusto por detrás de Galicia colócase o País Vasco, no quinto posto, cun superávit de 3.387 millóns de euros, e que se foi incrementando considerablemente nos últimos anos, desde os 1.576 millóns en 2011.

Tomando todo o gasto que se considera territorializable (descártanse, por exemplo, partidas de Defensa ou Exteriores, que non obedecen a criterios territoriais; ou as pensións, que se pagan en función da carreira de cotización persoal, e inclúense o financiamento autonómico, as axudas rexionais ou o investimento público), De la Fuente examinou canto difire da media o gasto territorializable por habitante sen axustar, suprimindo os impostos propios de cada autonomía, mostrando as diferenzas de gasto e ingreso en relación á media. Aí, os máis prexudicados son valencianos e murcianos, con déficits por habitante de 702 e 569 euros, respectivamente, seguidos de andaluces (-358), madrileños (-247), cataláns (-207) e baleáricos (-202), mentres que as máis beneficiadas son Ceuta e Melilla (+2.752), País Vasco (+2.194), Navarra (+1.342) e Canarias (+1.234). Para Galicia é de -5.

Saldos fiscais relativos por comunidades autónomas, en totais de millóns de euros e porcentaxes do PIB
Saldos fiscais relativos por comunidades autónomas, en totais de millóns de euros e porcentaxes do PIB | Fonte: Angel de la Fuente, FEDEA.

Os saldos relativos calcúlanse a partir das diferenzas entre os gastos e ingresos per cápita de cada autonomía e a media estatal dunha forma que neutraliza os efectos do déficit agregado da Administración Central. As cifras resultantes da balanza fiscal responden a que en España existe un sistema tributario progresivo no que os que máis gañan pagan máis impostos. Dáse así unha relación inversa entre o PIB per cápita e o saldo fiscal, de xeito que canto máis alto é o PIB per cápita, xeralmente peor é o saldo fiscal. Con todo, os casos extraordonarios de País Vasco e Navarra, con saldo fiscal positivo malia ser das autonomías máis ricas, explícase porque son comunidades forais que gozan dun réxime especial, xa que elas mesmas recadan os impostos e logo pagan ao Estado unha cantidade polos servizos que lles presta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 18 comentarios

9 Watchingsolpores

E o deseño das comunicacións, que me dicides... Que lle pregunten aos valencianos que hai anos reclaman o corredor mediterráneo. https://elpais.com/diario/2011/05/1... O certo é que dende hai cincocentos anos todos estamos a perder co centralismo. Non nos enfrentemos entre nós, españois, a culpa é do centralismo e do seu enorme poder. Agora queren que nós paguemos os pratos rotos! Coma sempre.

8 Eu mesmo

Barajas, terminal . Cueste de 6.185 MM de euros contra fondos de cohesión da UE!!!. Liña 8 do Metro a Barajas tamén (así calquera se cohesiona) https://elpais.com/diario/1997/04/0...

7 Aprendices de Goebbels

Home xa, tan só Citren ou Inditex cotizan na bolsa de Madrid, mais do que Galiza percibe do estado. Despois temos as políticas de desmantelamento da mafia PePeira que non queren unha Galiza próspera e culta, fatal para os seus intereses mafiosos e corruptos. Logo temos un goberno que non goberna para os galegos, senon contra os galegos. O tema das pensións, os galegos que cotizaron na emigración, agora de volta en Galiza, dan a entender que o goberno central nos regala as pensións.

6 Mentira...

Madrid non produce electricidade, a electricidade é o petróleo do S XXI, só o beneficio da electricidade que se produce en Galicia xeraría máis de 4000 millóns en impostos, impostos que se pagan en Madrid. Ej que en Madrid somos muy ricos, ENCE paga impostos en Madrid, ten as papeleiras en Madrid mentres nós nos eucapliptizamos e ergo ardemos, "ej que a los gallegos os gusta prender fuego en el monte..."

5 Mentira...

Nego a maior. Ademais do "fenómeno" da reubicación de empresas na capital pois senón non hai fondos de Europa hai moitas empresas con sede en Madrid que contan a sua actividade nacional coma se fose só na comunidade Madrileña. O Corte inglés non paga pola súa actividade en Galicia, senón en Madrid. Esta balanza fiscal é de chiste...