A preparación do golpe

Estes días estiven a repasar o libro “Anatomía de un instante”, polo que Javier Cercas ven de acadar o Premio Nacional de Narrativa.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 30/10/2010

Comparte esta noticia

Trátase dunha reconstrucción novelada do intento de golpe de estado levado a cabo por un grupo de militares, encabezado polo coronel Tejero, o 23 de febreiro de 1981. Os que vivimos aquela época lembramos perfectamente ese día, e ainda sentimos a tenaza no peito polas consecuencias terribles, persoais e colectivas, que terían sucedido de non fracasar aquela intentona.

Nun dos capítulos reconstrúe cómo se foi caldeando o ambiente nos meses previos. Porque aquel golpe, que algúns quixeron facer ver como obra dun solitario iluminado, tivo o seu caldo de cultivo e contou co apoio e aprobación dunha parte da sociedade civil. Con extraordinaria habilidade narrativa e profusa documentación vai recordando Cercas os preparativos, o aumento da temperatura mediática e social que fixo posible aquel suceso lamentable, transmitido por televisión a todo o mundo e que puxo en grave perigo o futuro inmediato deste país e a vida de moitas persoas que xa figuraban en listas negras pola súa implicación política na incipiente democracia.

No verán de 1980 a crise do país, baixo a presidencia de Adolfo Suárez –a quen hoxe todos recoñecen o seu grande valor histórico-, era cada vez máis profunda. A palabra desencanto púxose de moda. Os medios de comunicación falaban da necesidade dun golpe de lanceta. Políticos, empresarios, dirixentes sindicais e eclesiásticos e os xornalistas: todos esaxeraban a gravidade da situación. Pilar Urbano publicou un artigo en ABC: “Todos estamos conspirando”. Pois eso: conspiraban contra Suárez os xornalistas de ultradereita desde os seus xornais, daquela moi influintes; tamén conspiraban os financieiros e os empresarios; o partido da dereita, Alianza Popular, decía que a política da UCD non facía máis que empeorar a crise económica e rachar o Estado. Fraga advirte no Congreso, o día 19 de febreiro: “Si se quere dar o golpe de timón, o cambio de rumbo que todos sabemos necesario, vannos atopar dispostos a colaborar...”. Houbo unha intensa campaña de acoso contra Adolfo Suárez, na que participaron tamén algúns sectores do seu propio partido, e adicáronlle todo tipo de adxectivos: arribista, adulador, ignorante, trilero, pícaro, populista, incapaz. 

A fortaleza da nosa democracia é hoxe incontestable. Pero hai maquinarias da sordidez que seguen a traballar. A dereita depredadora deste país practica o acoso contra o goberno actual, sen reparar nas consecuencias, utilizando estratexias semellantes ás de hai trinta anos. Dalle igual si estas maniobras nos deixan inermes ante a voracidade dos mercados do mesmo xeito que daquela nos puxeron ante os fusís dos militares.

Son os mesmos de sempre. Esa dereita voraz e soberbia, que ten un sentido patrimonial do poder. Observade, senon, a conducta dese alcalde de Valladolid que non ten reparo en relatar  públicamente as súas ensoñacións libidinosas cunha ministra, deixando ver a consideración que ten pola muller e facendo ostentación dunha retórica soez e tabernaria. Os mesmos de sempre: ainda pensan que teñen dereito de pernada. Imaxino a Millán Astray, coa boca desdentada, celebrando a gargalladas a ocurrencia desta autoridade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.