Por Galicia Confidencial | Paris | 13/10/2017 | Actualizada ás 10:00
Un dos xornais máis importantes de Francia, Le Figaro, critica a medida impulsada pola Xunta de convidar e facilitar aos estudantes galegos que cursan os seus estudos en Cataluña a trasladar o seu expediente a Galicia "debido á actual situación de inestabilidade social e política". “Nun contexto de proposta de negociación por parte do presidente separatista catalan Carles Puigdemont, esta proposta podería reavivar as tensións entre estes dous gobernos rexionais españois”, apunta este xornal.
Así, destaca que, mentres que o president catalán ofreceu diálogo a Marid para “desescalar” as tensións co Goberno de Rajoy, a proposta da Xunta non chega no mellor momento. Ademais, lembra que a finais de setembro foron milleiros os estudantes cataláns que saíron ás rúas e bloquearon universidades tomando parte das grandes manifestacións contra Rajoy.
“Son, sobre todo, os estudantes das universidades públicas. Moitos deles están implicados en pedir un verdadeiro referendo máis que reclamar unha autonomía pura e simple”, declara neste medio Margarita Servera, directora de comunicación do Toulouse Business School en Barcelona.
Este luns o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, na súa visita ao CIPF Politécnico de Santiago, facía un chamamento ao alumnado galego universitario e non universitario que está en Barcelona. Aos alumnos non universitarios garantizoulles "unha praza en centros sostidos con fondos públicos", mentres que aos universitarios, a Consellería "ofrece todo o apoio necesario para facilitar a tramitación de traslado de expediente ás universidades galegas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.