Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/10/2017 | Actualizada ás 14:48
Desde a CUT sinalan que "non é a primeira vez que se denuncia a falta de vontade política para solucionar o que é unha emerxencia de primeiro nivel". "Nin existen medios para a prevención de incendios nin tampouco para sofocalos, como pon de manifesto de fai apenas uns días, aínda estando en condicións de alto risco incendiario, se lles rematou o contrato a centos de traballadoras/es do SEAGA para volver a recontratalas/os 48 horas máis tarde", engade.
Por iso, suliña que "a falta de planificación e a irresponsable política forestal e de extinción de incendios" leva á perda do patrimonio medioambental galego. "A maior riqueza da Galiza está en mans de persoas ineptas que ano tras ano tropezan na mesma pedra e que nin aprenden nin queren aprender", engade.
CIG
Pola súa banda, a CIG lamenta profundamente a morte das persoas que se viron atrapadas polos lumes descontrolados. Unha situación catastrófica da que a central sindical responsabiliza á “política forestal pirófita do Partido Popular”, pola que exixe a dimisión do presidente da Xunta. Chama ademais ás concentracións convocadas de urxencia por toda a xeografía galega.
Pola súa banda, CIG-Autonómica critica que os responsables políticos tenten "eludir as súas responsabilidade". "Se se aposta por intereses madereiros bastardos, pola venta de madeira a Celulosas, por non fixar poboación no rural, pola eucaliptización, e se lle suma isto as condicións ambientais adversas, o resultado é o esperado", sinala. Por iso, di que achacar isto a unha banda terrorista, "como dixo Feijóo", a un complot "é como a teoría dos chemtrails".
CSIF
Desde a Central Sindical Independente e de Funcionarios, CSIF Galicia, manifestaron todo o seu apoio e solidariedade aos compañeiros dos servizos de extinción de incendios, para as familias e amigos das persoas falecidas e para todas aquelas vítimas que perderon os seus bens "e viviron, e aínda viven, escenas de medo, tensión e dor".
Neste sentido, lembran á Xunta de Galicia a necesidade de repensar as políticas de incendios tanto nas súas vertentes de prevención como de extinción, "medidas que son necesarias e non excluíntes do traballo de investigación e detención dos delincuentes que prenderon o lume".
STEG
Pola súa banda, desde o STEG din que é "indignante a inacción da Consellería de Educación". "É especialmente preocupante neste contexto que, a tal momento, non se suspendese a actividade escolar en zonas de tránsito habitual do profesorado e das liñas de transporte escolar", indica nun comunicado.
Por iso, convida a toda a comunidade educativa a que denuncie calquera tipo de incidencia ao respecto, "no camiño de poder contribuír a minimizar unha traxedia de consecuencias gravísimas para o noso país". Igualmente, o STEG trasladou o seu máis sentido pésame ás familias das vítimas mortais dos incendios e a toda aquela xente que, dun ou doutro xeito, se viu afectada polos mesmos.
ADEGA
Para ADEGA as causas estruturais dos incendios forestais están xa suficientemente diagnosticadas dende hai anos, e as medidas precisas para reducir a súa incidencia son tamén coñecidas. "A pregunta é como unha administración que ten a cacidade técnica e xurídica para poñelas en marcha, alén de non o facer, mesmo lexisla en sentido contrario (Lei de Montes galega e estatal que permite recualificar terreos queimados, Plano Forestal, Lei de Depredación, Decreto do Eucalipto, Biomasa e cultivos enerxéticos...) para seguir permitindo o deterioro do mundo rural abocado ao abandono, a eucaliptización e o lume", sinala.
Así, lembra que o modelo forestal baseado nos monocultivos de pirófitas "é un importante factor estrutural directamente relacionado coa problemática dos incendios forestais". "Sobre este modelo si de pode actuar: non facelo, a sabendas das consecuencias que pode ter para a nosa natureza e mesmo para a vida das persoas seguir planificando a favor do eucalipto, fainos cómplices dos resultados", engade.
Cámara de Comercio de Santiago
Pola súa banda, a Cámara de Comercio de Santiago manifestou publicamente a súa solidariedade coas víctimas, familiares e seres queridos como consecuencia da vaga de incendios que sufriu Galicia nas últimas horas. "Nos sumamos aos tres días de loito que acaba de decretar o Goberno galego", indicou nun comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.