Eu non fun a Santiago

Descendeu do avión entre a néboa, foi recibido polas autoridades do país, como corresponde ao máximo representante dunha relixión con millóns de fieis en todo o planeta,

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 10/11/2010

Comparte esta noticia

E foi aclamado por milleiros de seguidores chegados dos máis diversos lugares do mundo; o Papa chegou á Catedral e abrazou a figura do Apóstolo para, máis tarde, na misa celebrada na praza do Obradoiro, criticar con dureza o que considera "laicismo agresivo" da sociedade española.

Esta viaxe de Benedito XVI a Galicia tivo un alto custo para as arcas públicas, neste tempo de crise e austeridade, se ben o alcalde de Santiago entende que o esforzo paga a pena pola repercusión mediática do acontecemento. Procura esquecer o profundo significado social e político da visita para destacar só o marketing da cidade. Houbo colectivos que se mobilizaron contra desta chegada baixo o lema Eu non te espero, como xa acontecera coa visita do Papa a Valencia no 2006.

Hai moitos anos que non asisto ás celebracións da Igrexa, aínda que fun educado neste credo como todos os da miña xeneración. Só participo na celebración dos ritos de paso (bautismos, vodas, enterros) xa que a xerarquía católica ten o monopolio destes actos. Máis coñezo, admiro e aprecio un bo feixe de persoas con profunda fe relixiosa que tentan, todos os días da súa vida, seguir os pasos dun tal Xesús de Nazaret que andou polo mundo a predicar a igualdade dos seres humanos, a solidariedade cos desfavorecidos e o amor como motor principal na vida das persoas. Clamou contra da avaricia e a mesquindade dos fariseos. Esta forma de entender a relixión goza da miña simpatía e profunda admiración. Esta xente, con outros que comparten estes valores sen participar da crenza relixiosa, son os que fan que o mundo sexa máis habitable.

Nada que ver con este grande espectáculo, propio dunha estrela do rock, montado no Obradoiro nun escenario de pladur, trasmitido a todo o mundo pola televisión, e na que o Papa reiterou unha vez máis a súa mensaxe antiga e retrógrada. Minte de maneira irresponsable cando compara a actual situación da Igrexa en España co anticlericalismo existente nos anos trinta. Sabe ben que o Estado Español, proclamado laico e aconfesional na Constitución do 1978, segue a darlle un trato de privilexio á Igrexa católica: financia as súas actividades con, polo menos, 6.000 euros cada ano.

O Papa foi recibido, con todos os honores, polas máis altas instancias, pero él non tivo o menor reparo en criticar a quen o acollía. Na vez de facer autocrítica e pedir perdón polo papel desenvolvido durante o franquismo, ou polos delitos de pederastia, máis recentes, elevou a súa voz contra dos actuais gobernantes, cicais con nostalxia dos tempos do nacionalcatolicismo. Pero xa non importa que critique o laicismo de Europa e que clame unha vez máis contra do divorcio, do aborto e das relacións homosexuais. Non importa que o mandatario galego que agora ocupa a vivenda de Monte Pío, en primeira fila durante a misa,  viva en concubinato e que algúns dirixentes autonómicos teñan parellas do seu mesmo sexo. Non importa nada: todo isto é puro teatro, todo é unha grande hipocresía. Xesús, de estar presente, tamén sacaría o látego, como fixo no seu tempo para expulsar os mercaderes do templo. A verdadeira Igrexa está noutro lado, lonxe destas celebracións ostentosas e fatuas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.