Por Walter Burns | Ourense | 15/11/2010 | Actualizada ás 22:00
Ao fío do presunto caso de corrupción en torno a Enrique Varela, o PSdeG acaba de reclamar no Parlamento de Galicia que o Goberno remita “copia de todos os expedientes de contratación das campañas de publicidade institucional da Xunta de Galicia durante os anos 2009 e 2010”. Velaquí a solicitude ante a Mesa da Cámara.
A solicitude está avalada por Xaquín Leiceaga, voceiro do grupo socialista, e José Manuel Lage, o deputado que leva os temas de comunicación.
Canal Uno, tamén no punto de mira da oposición
Tal petición está a causar un importante nerviosismo tanto no PPdeG como nalgunhas axencias de publicidade. Cómpre ter en conta que o conselleiro de Industria , o vigués Javier Guerra, contratou polo menos unha importante campaña con Canal Uno, asesoría viguesa propiedade ao 50%, Juan Francisco Martínez Herrera Escribano, número 3 da cúpula do PP de Vigo. Polo de agora só se coñecen os grandes contratos, públicos vía DOG, pero está por ver que sorpresas contén a relación completa de contratos publicitarios.
Ademais, Lage tamén pediu no Parlamento que algún conselleiro responda en pleno sobre as contratacións da Xunta coa axencia Publitia, tamén de Vigo.
Presunto desvío de anuncios a través da axencia do cuñado
Esta compañía está participada ao 100% por Salón Mírate. Enrique Varela, responsable de publicidade da Xunta, fundou esta empresa e foi o seu único administrador até o 8 de xaneiro de 2010, medio ano despois de comezar a distribuír a publicidade da Xunta entre os medios.
Segundo proba documentación publicada por La Región, Publitia actúa de intermediaria entre a Xunta e os xornais. É dicir, Varela tramita os anuncios, coa correspondente comisión para Publitia, a través dunha empresa que fundou e hoxe, segundo proba o Rexistro Mercantil, dirixe o seu cuñado.
La Región responde a unha ofensiva contra o baltarismo?
É máis, La Región asegura que Varela chantaxea aos medios, reclamando un bo trato para certos políticos do PP a cambio das insercións.
Malia que todos os xornais calaron polo de agora, a credibilidade da denuncia é maior porque provén dun grupo mediático moi próximo durante décadas ao PP. Con todo, hai que ter en conta que La Región está máis próxima ao sector da boina, liderado pola familia Baltar, que ao do birrete, que comanda Feijóo.
Os dous sectores libraron unha guerra fraticida polo liderado do PP de Ourense este ano, conflito no que La Región apoiou, coma sempre, ao baltarismo.
Por iso fontes do PP consultadas por GC enmarcan a sorprendente ofensiva de La Región contra a Xunta como a inesperada consecuencia do intento do sector de Feijóo de pasarlle a rebarbadora ao gran apoio mediático do Baltarismo.
“Cuando estaba en la oposición vigilaba con lupa el precio de las sillas y los bolis”
Pola súa banda, o grupo La Región segue a denunciar que Enrique Varela desvía a tramitación dos anuncios da Xunta a través de empresas fundadas por el e hoxe dirixidas polo seu cuñado co apoio do propio Feijóo. A familia Outeiriño, tamén editora do Atlántico Diario, permitiu a publicación deste duro texto contra o presidente no “Quenchodixo”, a sección de confidenciais e rumores do diario da capital das Burgas
“Que cuando estaba en la oposición vigilaba con lupa el precio de las sillas y los bolis que compraba Touriño, y seguía la pista a Quintana para ver quiénes eran sus amigos de fin de semana? que ahora que es “EL PRESIDENTE', A. Núñez ve razonable que su asesor Quique Varela contrate publicidad de la Xunta a la empresa que él mismo creó? Comochoconto”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.