As hipotecas da sanidade pública

O goberno de progreso fixo unha aposta decidida a favor da sanidade pública, pero o actual está a desmontar os avances acadados.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 18/11/2010

Comparte esta noticia

A día de hoxe hai tres elementos clave que poden deixar a sanidade pública nunha situación precaria ao final deste mandato parlamentario: a construción de novos centros mediante financiamento privado, a redución orzamentaria e o conflito de Povisa.

A construción dos centros hospitalarios e de saúde polo sistema de concesión a empresas privadas (que constrúen os edificios e xestionan os futuros centros, polo que o Sergas terá que pagar un canon anual) vai significar, a longo prazo, unha enorme hipoteca para a sanidade pública. Será un burato negro, polo que se vai desviar unha parte importante dos orzamentos. Haberá lucro privado -alguns empresarios próximos verán incrementado o seu patrimono persoal-, pero producirase un deterioramento do servizo público.

A vontade política exprésase, sobre todo, na asignación orzamentaria. O actual presidente declarou, ao inicio do seu mandato, que a redución do gasto público non afectaría, en ningun caso, á sanidade e á educación. Faltou á súa palabra: por segundo ano consecutivo prodúcese unha redución do orzamento sanitario, o que non acontecera nunca na historia da autonomía. Estas son as consecuencias: a paralización do plan de mellora da Atención Primaria, a redución da actividade dos centros sanitarios e o deterioramento da calidade asistencial.

Nestes últimos días soubemos dun novo conflito. A dirección de Povisa vén de anunciar un expediente de redución de emprego (ERE) que podería afectar a máis de 1.000 traballadores. Cómpre lembrar que o hospital Povisa ten un concerto singular co Sergas -que agora toca reasinar-, polo que atende a 134.000 persoas na zona de Vigo. Este concerto é o máis vantaxoso dun hospital privado en toda España, mentras que as súas listas de espera son moi superiores ás dos centros públicos. Agora pretende cambiar o actual concerto por unha concesión semellante á do hospital de Alzira (que está resultando ruinosa para a comunidade valenciana).

Resulta rechamante que a dirección de Povisa expoña o conflito neste intre, cando a xerente do Sergas é unha persoa vinculada a este grupo durante décadas. Non me gustaría descubrir que este ERE non é senon unha farsa, unha posta en escena, para conseguir unha mellora económica para Povisa usando unha posición de privilexio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.