O monstro de Ferrol

“… pero moita xente matou ese condenado...” (Con motivo da efeméride do pasamento do monstro de Ferrol)

Por Xoán Vázquez | New Yersey, USA | 26/11/2010

Comparte esta noticia



Meu pai, camiño dos 85 anos, criado baixo a crenza de que Franco era un santo cuxa inspiración esforzo e sacrificio habían salvado a España de caer nas gadoupas das forzas do mal, engadía o seu silencio de home convencido – polo o engano, claro -  aos postulados dos acólitos do pro San Francisco Franco - arestora enredados noutros  sacros oficios -, que xa finado o Caudillo nos presentaban feixes de probas  e evidencias doutros tantos feixes de milagres atribuídos a aquela alma sacrificada, en vida sempre guiada por inspiración divina, para xa na morte ser tocada pola mesma man de Deus. Destinada, pois, a ser  beatificada. Sendo do fecundo de milagres o máis grande o irrevogable feito de que salvou a España de caer nas ateas perversas e inmorais gadoupas dos comunistas, anarquistas e ateos que ameazaban con desanaquizala, guiándoa polos vieiros da perdición á destrucción moral. E reclamaban, con esa humildade que soamente os déspotas  máis “puros” enxertados na arbore da hipocrisía mesquiña e pertinaz son capaces de profesar e proxectar, erguelo aos altares da devoción eternal. Que saiban os máis novos que non é ningunha lenda (o do San Francisco Franco), aínda eu me lembro cando algúns propuxeron canonizalo, non sei se antes ou despois de canonizar a Isabel e mais Fernando. Ao mellor o máis sabio e coherente houbera sido unha cerimonia unificada: aquilo do  monta tanto.

Meu pai é un home bo, cun grande espírito de entrega e sacrificio. Pertence á colleita daqueles homes labregos que nunca souberon o significado da palabra “ética”. Nunca lles fixo falta sabelo, non souberon vivir doutra maneira. E por iso que podían ser enganados, que o foron, e traizoados, que tamén, mais nunca corrompidos, que endexamais. E tamén é por iso que non me sorprendeu que nestes últimos anos - por lóxica da vida xa con deixes a derradeiros -, e a medida que se foron facendo públicas as atrocidades do franquismo, o seu nobre espírito, sempre receptor á verdade, se for alimentando coas pequenas faíscas de luz que foron caendo naquel pozo de escuridade que desde rapaciño lle foron labrando para ser utilizado como un vertedoiro onde almacenar  mentiras andrómenas e enganos; ou sexa, mansedume e obediencia.

Sentado nunca cadeira á  mesa da cociña, envorcado sobre a baralla, seus cansos ollos de cando en cando enxergando o televisor que trataba o asunto dos desaparecidos na posguerra, memoria histórica e outras lerias. Naquel intre o reporteiro falaba  concretamente da xente de ben que en Ferrol fora asasinada, de como algúns dos cadáveres foran amarrados uns aos outros e vertidos e afundidos  no medio do mar para que nunca máis deles se soubera. Foi alí cando en soliloquio, sen erguer a cabeza nin mirar ao televisor, namentres descartaba se lle escapou da alma coma un reflexo espontáneo dun pestanexar perante un lixo inesperado e insolente  aquilo de  “… pero moita xente matou ese condenado...”.  Rebotaron na miña cabeza aquelas verbas con esa forza sutil e apracible capaz de apagar tódolos outros moitos ruídos e facer que o tempo fique quedo namentres os tópicos agonizan. Olleino. Non dixen nada. Non quixen indagar no escoitado. Non sei nin se se  deu conta do que dixo. Sei, e abóndame con iso saber, que meu pai xa non ha finar os seus días axeonllado nos altares do engano rezándolle ao monstro de Ferrol.  E sei tamén, certo, que nunca é tarde para o desengano. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/