Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/11/2017 | Actualizada ás 09:00
A Facultade de Química da USC organiza este xoves a xornada sobre ‘Estimación do abuso de drogas’,unha actividade gratuíta aberta a estudantado universitario, persoal investigador ou docentes, e na que se analizará a situación das investigacións sobre presenza de drogas en augas residuais.
Esta é unha xornada que organiza a Rede Española de Análises de Augas Residuais con Fins Epidemiolóxicos (ESAR-Net) e que coordina o profesor José Benito Quintana. A xornada estrutúrase nunha primeira parte na que se exporá a problemática do abuso de drogas, seguida dunha presentación da investigación actual no campo da epidemioloxía das augas residuais, para terminar cunha mesa redonda para o intercambio de coñecemento entre diferentes disciplinas. Nela participarán poñentes do European Monitoring Centre for Drugs and Drug Addiction (EMCDDA), da Consellaría de Sanidade, do Consello Superior de Investigacións Científicas e das universidades Jaume I e de Santiago de Compostela.
DATOS CONCRETOS
O equipo de organización desta xornada considera que o consumo de drogas é un comportamento complexo, oculto e estigmatizado que resulta difícil de cuantificar. A análise de augas residuais para a determinación de produtos de excreción metabólica humana (epidemioloxía das augas residuais) “pode ofrecer datos obxectivos en tempo real sobre pautas xeográficas e temporais do abuso de sustancias e, combinado e integrado con outros métodos establecidos, pode ofrecer unha imaxe máis clara sobre esta problemática”, aclara o profesor José Benito Quintana.
ESAR-Net é unha rede científica financiada pola Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade a través da convocatoria Redes de Excelencia 2016. Coordinado polo profesor e investigador do Instituto de Investigacións e Análises Alimentarias da USC, a rede intégrana seis grupos de investigación españois co fin de contribuír ao avance científico da epidemioloxía de augas residuais en España e difundir o potencial desta ferramenta ás autoridades e entidades potencialmente interesadas e á sociedade en xeral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.