O amor a primeira vista ten unha explicación científica

Investigadores das universidades de Zürich e Groningen conclúen que o amor a primeira vista basicamente é a atracción física e non ten tanto que ver coa paixón.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/11/2017 | Actualizada ás 12:32

Comparte esta noticia

Dicía o escritor e humorista Sam Levenson que "o amor a primera vista é doado de entender: é cando dúas persoas se estiveron buscando a unha á outra durante toda a vida e isto convértese nun milagre". Pero iso que mitificamos como amor a primeira vista, ese que estremece no cancioneiro amoroso do rei e trobador Don Dinís, figura da lírica galaicoportuguesa, ese amor de súpeto, ten unha explicación científica.

Amor a primeira vista.
Amor a primeira vista.

Un equipo de científicos vén de presentar os resultados dun estudo no que buscaron aclarar que é realmente o que experimentan as persoas cando din sentir amor a primeira vista. E concluíron que "o amor a primeira vista non é unha forma distinta de amor, senón máis ben unha forte atracción inicial que algúns cualifican como amor a primeira vista, xa sexa no momento da primeira vista ou de maneira retrospectiva".

O equipo, liderado por Florian Zsok, do Departmento de Psicoloxía da Universidade de Zürich, e no que participaron tamén investigadores da Universidade de Groningen, contraviu a idea xeralizada exposta nas principais teorías psicolóxicas do amor que din que este está marcado por unha gran paixón. Para estes científicos, en realidade podería ter máis que ver cunha "confabulación de memoria interpretada por parellas para mellorar a súa relación".

Para chegar ás súas conclusión, investigaron empíricamente o amor a primeira vista mediante a avaliación dos sentimentos de amor no momento no que os participantes no estudo coñeceron a outras parellas potencias por vez primeira. Os datos obtivéronse dun estudo en liña, un estudo de laboratorio e tres eventos de citas.

As experiencias de amor a primeira vista acontecidas e analizadas nestes experimentos "non estiveron marcadas pola gran paixón, nin pola intimidade, nin polo compromiso". A atracción física foi o maior preditor de amor a primeira vista que atoparon no seu modelo estatísticos aplicado ao seu traballo.

O amor a primeira vista, din, "é un fenómeno comunmente coñecido, pero apenas foi investigado cientificamente", polo que con esta aportación, publicada nunha revista científica de alto impacto como é Personal Relationships, pretenden aportar luz a unha das fontes máis inspiradoras da humanidade. 

Na súa investigación, Zsok e os seus colegas exploraron varias preguntas importantes utilizando escenarios de citas reais e simuladas. Recrutaron a 396 participantes, dos cales o 62% eran mulleres. A súa idade media era de 24 anos, e aproximadamente o 95% eran estraños. 

Os seus achados apoian os argumentos de narrativas ilusorias, proxeccións, autoenganos positivos e expectativas culturais que dan forma á percepción, o reconto e a interpretación do que significan as relacións, e inflúen en como progresan en parte ao proporcionar narrativas positivas que poden axudar a manter as relacións. Os resultados do estudo tamén din que se alguén quere que a xente se namore de un tan pronto como o coñezan, o máis eficaz que se pode facer é ser máis atractivo fisicamente.

Polo tanto, de acordo con este estudo, o amor a primeira vista basicamente é a atracción física, cun chisco de paixón. Isto, para os científicos, redefine a concepción do amor a primeira vista e apoia unha conceptualización ilusoria e adaptativa do mesmo. Ademais, corrixe as nocións idealizadas de amor romántico que nos levan a agardar coñecer a alguén, namorarnos de súpeto, saber que alguén é a persoa correcta e estar seguros de que todo sairá ben.

Para os científicos, isto pode ser positivo porque nos permite facer avaliacións e decisións máis precisas, pero tamén pode reducir o optimismo ilusorio que ás veces nos permite avanzar e ter máis oportunidades fronte ás peores probabilidades. 

Para o doutor Grant Hilary Brenner, especialista en psiquiatría e psicoanálise, as investigacións futuras deberían analizar a relación entre numerosos detalles temperáns nas relacións que inclúen atractivo, factores químicos (o cheiro, por exempllo) ou psicosociais, baseados ​​no cerebro e outros factores, desenvolvendo modelos causais e predictivos de como estes factores conducen a unha relación positiva e negativa.

Con todo, di, o amor a primeira vista aínda se sente como algo máxico, ese milagre que describiu Sam Levenson.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta