O Sergas, condenado a indemnizar con 20.000 euros a un home que perdeu un testículo tras unha operación

O doente perdeuno días despois de ser operado dunha hernia inguinal no Hospital Lucus Augusti de Lugo.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 29/11/2017 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

A Sección Primeira da Sala do contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a indemnizar con 20.000 euros a un home que perdeu un testículo tras ser operado dunha hernia inguinal no Hospital Lucus Augusti ( HULA) de Lugo.

Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo
Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo | Fonte: www.cirugialugo.com

En concreto, estímase o recurso interposto pola defensa do demandante e revógase un fallo previo ditado polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela, de forma que o home debe ser indemnizado con 20.000 euros cos intereses legais desde a data de formulación da reclamación (o 5 de marzo de 2014, sen costas).

Contra esta decisión pode interpoñerse un recurso de casación ante a Sala Terceira do Tribunal Supremo ou ante a Sala correspondente a este Tribunal Superior de Xustiza, sempre que se acredite o interese casacional. O recurso deberá de prepararse ante a Sala de instancia no prazo de 30 días, contados desde o seguinte ao da notificación da resolución que se recorre.

A sentenza constata que, no presente caso, "non está acreditado" que exista "unha mala praxe" na intervención de hernia á que foi sometido o recorrente e esgrime que a "contradición" dos peritos que analizaron o caso "non permite concluír que a rotura do saco que contiña a hernia o fose".

Con todo, entende que "non queda acreditado" que no seguimento do postoperatorio se abordase "a sintomatoloxía que presentaba o paciente de modo correcto", tendo en conta que nunha primeira chamada que este realizou advertiu de "febrícula persistente". En todo caso, este tampouco acudiu ao servizo de urxencias do hospital onde foi operado, aínda que si o fixo en dúas ocasións a outros tantos centros de saúde, no que se lle pautaron antibióticos, o que sitúa aos xulgadores "na incerteza de descoñecer cal tivese sido o resultado de adoptarse outras decisións nese momento".

A sentenza advirte que "concorren dúas circunstancias": que os médicos que atenderon o paciente non o derivaron a Urxencias, prescribíndolle antibióticos, e que o recorrente, que foi advertido de que en caso de prescribir a dor debía acudir a urxencias do HULA, non o fixo, preferindo acudir ao servizo de urxencias dun PAC. Por iso, conclúe que o procedente é rebaixar a indemnización interesada prudentemente á cantidade total de 20.000 euros por todos os conceptos (días de curación e hospitalización, perda de testículo e factor de corrección), sen que caiba considerar prexuízo estético algún por razón "da falta de visibilidade da cicatriz cirúrxica" e "non acreditarse que sufrise un empeoramento en referencia á operación de hernia inicial".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta