Uns 4.300 clientes de Unión Fenosa permanecen sen subministración eléctrica polo temporal

As provincias máis afectadas son Ourense e Lugo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2017 | Actualizada ás 10:59

Comparte esta noticia

Un total de 4.315 clientes de Unión Fenosa permanecían na mañá deste luns sen subministración eléctrica debido á borrasca de vento e choiva 'Ana'. Parte deles, concreta a compañía, corresponden a incidencias que entraron ao longo da noite.

Temporal en Vigo
Temporal en Vigo

Por provincias, Ourense e Lugo suman 2.515 clientes afectados en municipios como Paradela, Cervantes, Baleira, Ramirás e Riós; mentres que na da Coruña, hai 1.478 en zonas como Monfero, Irixoa, Paderne, Abegondo, Fisterra. Mentres, na de Pontevedra contabilízanse 322 clientes en puntos como Arbo, Marín e A Estrada.

Unión Fenosa Distribución subliñou que "mobilizou todas as brigadas, que estaban en alerta desde o venres", para facer fronte aos problemas de subministración eléctrica causados pola borrasca de vento e choiva en Galicia.

O temporal provocou diversas incidencias na rede de eléctrica de Unión Fenosa Distribución, "a maior parte ocasionadas pola caída de árbores, ramas e cortizas sobre as liñas polo forte vento", explicou a compañía.

"As adversas condicións meteorolóxicas, con choiva e fortes refachos de vento, e as dificultades de acceso ás liñas afectadas complicou o traballo das brigadas", indica Unión Fenosa.

Brigadas de mantemento, operadores do Centro de control e axentes de atención telefónica a clientes, entre outras áreas, seguían "traballando na resolución das avarías, co obxectivo de lograr a progresiva normalización da rede ao longo da mañá", engade.

DISPOSITIVOS DESPREGADOS

Así, a compañía sinala que continuará cos seus dispositivos despregados mentres dure a situación meteorolóxica adversa, "que está a provocar as incidencias na subministración de electricidade".

Unión Fenosa Distribución engadiu que "está en contacto permanente coa Consellería de Economía, Emprego e Industria" para informar das incidencias rexistradas e a evolución da resolución das avarías provocadas polo temporal.

Os clientes afectados poden contactar coa compañía a través do teléfono de atención de incidencias na subministración (900 333 999), "que foi reforzado debido á situación especial que se está producindo polo temporal", concreta a empresa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta