Un referendo sobre as pensións

Nun artigo recente, o profesor Manuel Cruz afirmaba que “o específico do dogmático non é tanto o feito de que non queira debater como a forma en que prantexa o debate”.Considero que esta aseveración é moi acaída á polémica que estamos vivindo a respeito das pensións.

Por Xesús Veiga | Santiago | 22/12/2010

Comparte esta noticia
Os defensores da prolongación da idade laboral e do medre dos anos de cotización utilizados no cómputo da contía das pensións focalizan o problema, exclusivamente, nos supostos efectos negativos derivados do incremento da esperanza de vida dos continxentes de poboación que hoxe se atopan na fronteira entre os 50 e os 60 anos.A partir desa constatación demográfica constrúen un discurso de ton catastrofista sobre as eventuais insuficiencias do actual sistema público para atender as futuras prestacións e a inevitábel adopción de medidas correctoras de carácter restritivo.Nos termos nos que formulan o debate só cabe aceitar que nas vindeiras décadas non vai existir unha significativa creación de riqueza e non se vai rexistrar un incremento real do emprego.Mesmo no caso de que houbera un medre do PIB, os dogmáticos do “apocalipse pensionil” negan calquera posibilidade de que unha parte dos recursos necesarios para atender o pago das futuras pensións proveña dalgún capítulo específico dos orzamentos do Estado.Todos os camiños que non conduzan á ampliación da vida laboral e á diminución media das prestacións recibidas merecen ser rexeitados con argumentos xenéricos e con pouco espazo para utilizar o rigor analítico.
 
Estamos ante un asunto de grande transcendencia social.Nos programas electorais do ano 2008, PSOE e o PP non levaban propostas de modificación como as que agora promoven.Xa que logo, a composición actual do Congreso dos Deputados non pode ser utilizada como supremo argumento democrático para realizar un cambio de semellante envergadura.Para que a sociedade participe mais activamente no debate e na toma de decisións, o goberno do Estado debería organizar un referendo consultivo para coñecer a opinión sobre o proxecto de reforma do sistema de pensións.E a pesar do seu carácter xuridicamente non vinculante, todas as forzas políticas deberían asumir o compromiso previo de aceitar o resultado de tal veredicto.
 
Os mercados financeiros xa falaron hai tempo.Por que non lle preguntamos á sociedade mediante unha consulta específica e directa?Colóquense enriba da mesa todos os argumentos e que decidan todas as xeracións concernidas, as de hoxe, as de mañá e as de pasado mañá.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.