Apostan por construír unha gran reserva ecolóxica no centro xeográfico de Galicia

O espazo, de 180 hectáreas, albergaría unha ampla variedade de vida silvestre, con máis de 470 especies de plantas, 74 de fungos, 45 de invertebrados de interese, 4 de peixes, 11 de anfibios, 10 réptiles, 68 de aves ou 32 especies de mamíferos.

Por Galicia Confidencial | Lalín | 26/12/2017 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Un gran pulmón verde no centro xeográfico de Galicia. Ese é o obxectivo da organización ecoloxista ADEGA que acaba de presentar, no proceso de consultas do Plano de Conservación da Fraga de Catasós (Lalín), unha proposta de ampliación e zonificación ambiciosa para este Monumento Natural. Así, pasaría das 4,5 ha actuais a 180 e incorporaría diversas masas próximas, incluida a todalidade da fraga de Casas Vellas.

Fraga de Catasós, en Lalín
Fraga de Catasós, en Lalín

O principal obxectivo é salvar á Fraga de Casas Vellas, ameazada por un proxecto de liña de alta tensión. Precisamente para esta fraga, a Xunta rexeitou recentemente declarala ENIL (Espazo Natural de Interese Local). Por iso, aposta por ampliar a protección de Catasós, tamén para Casas Vellas, coa incorporación daqueles bosques próximos que forman un continuo ecolóxico. Deste xeutim e através dunha xestión integral, búscase garantir a preservación dos seus elementos máis valiosos.

PROPOSTA

A proposta de ampliación, que comprende as fragas e soutos de Casas Vellas, Antuín, Gate, As Pereiras, e Portocelo, xunto o rego de Quintela coma corredor ecolóxico entre todas elas, define un espazo que alberga unha ampla variedade de vida silvestre, con máis de 470 especies de plantas, 74 de fungos, 45 de invertebrados de interese, 4 de peixes, 11 de anfibios, 10 réptiles, 68 de aves ou 32 especies de mamíferos. Varias especies están incluídas como "vulnerables" no Catálogo de Especies Ameazadas, para as que se deseñan accións concretas de investigación e protección.

"Todo o conxunto conforma unha unidade natural de alto valor paisaxístico e ecolóxico, e a ampliación do Monumento Natural permitiría configurar, con todo merecemento, un bosque que conforma unha exquisita representación da paisaxe agro-forestal do interior de Galiza", indica ADEGA.

Fraga de Casas Vellas, en Lalín
Fraga de Casas Vellas, en Lalín | Fonte: espoesiadesdeagolada.blospot.es

A súa proposta inclúe unha zonificación do Monumento Natural e unha serie de directrices e recomendacións para definir o seu Plano de Conservación, xustificadas con criterios técnicos que reforzan a conveniencia de ampliar unha das principais xoias forestais do interior do país. Deste xeito, as Fragas de Catasós pasarían a ser o terceiro Monumento Natural en extensión (180 ha) do país.

A proposta de ampliación presentada por ADEGA prevé unha dupla zonificacion: unha área de “protección total", que comprendería o espazo público que ocupa o actual Monumento Natural (4,5 ha). A superficie restante sería de “usos moderados”, referida ás fincas de titularidade privada onde continuarían autorizándose os mesmos aproveitamentos e usos establecidos no PXOU de Lalín e na Lei do Solo, prohibíndose os referidos ao paso de infraestruturas, liñas eléctricas, edificacións, ou cambios de uso de solo.

AMEAZAS

A través dun comunicado, ADEGA suliña que lle preocupan, especialmente, as ameazas ás que están expostas algunhas das árbores do Monumento, pola presenza de ataque de insectos perforadores (non identificados) e outras fitopatoloxías, así como a debilidade e risco de caída que presentan algún dos castiñeiros máis relevantes do lugar.

"Calquera previsión de planificar o espazo pasa por incorporar todos os bosques nos que se integra o actual Monumento, xa que un dos principais riscos é a súa superficie tan reducida, de 4,5 ha, insuficiente para garantir a protección dos procesos ecolóxicos e ambientais que nel teñen lugar", indica. Así, suliña que toda a masa circundante presenta un alto valor de naturalidade e diversidade, o que debería considerarse para planificar a protección e conservación do Monumento Natural e dos seus elementos máis sensibles.

"A ampliación proposta permitiría ademais un tratamento silvícola conxunto de toda a masa forestal, co propósito de previr os potenciais riscos que poden ameazar aos elementos máis singulares do Monumento (castiñeiros de grande porte), expostos a diferentes condicionantes ambientais comúns a todo o seu entorno forestal", insiste.

A gran reserva ecolóxica que propón ADEGA para Lalín inclúe, entre outras, as fragas de Catasós e Casas Vellas
A gran reserva ecolóxica que propón ADEGA para Lalín inclúe, entre outras, as fragas de Catasós e Casas Vellas | Fonte: ADEGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Arturo

Unha idea excelente. Todo o que non esté protexido, antes ou despois, acaba por desaparecer. Xa é case un miragre que a fraga ( o que queda dela) poidese chegar ata hoxe.

1 paxi

E mentras temos un presidente atado o fracaso de Madrid en Cataluña e sen capacidade de resposta e sen posibilidades de ser presidente de nada.