Santa María da Feira, capital cultural da antiga Gallaecia durante o 2018

Ao longo de 50 semanas, esta localidade do norte de Portugal acolle concertos, espectáculos, cinema, teatro e diversas conferencias co obxectivo de que a arte, a cultura e o coñecemento “non teñan fronteiras” e integren dous países que estiveron unidos durante séculos.

Por Galicia Confidencial | Porto | 15/01/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Santa María da Feira, ao sur do Porto, será entre xaneiro e decembro do 2018, a capital da antiga Galaecia, xa que collerá e organizará a V Capital da Cultura do Eixo Atlántico. A programación, que comezou este pasado 13 de xaneiro cun concerto da Filarmonia no Fado, estenderase ao longo de 50 semanas con conferencias, congresos, exposicións, concertos, cinema e teatro.

Castelo de Santa María da Feira
Castelo de Santa María da Feira | Fonte: portugal.pt

Un gran evento cultural que tentará unir Galicia e o norte de Portugal con 51 iniciativas culturais. Entre os eventos previstos están un festival de artes de rúa Imaginarius e a recreación da Viaxe Medieval e tamén o I Encontro do Cancioneiro Tradicional Galaico-Portugués, un colóquio sobre Proto-Historia e Romanización no Noroeste Peninsular, un ciclo de teatro de marionetas de Portugal e de Galicia, e un concurso de arte urbana para intervención no espazo público.

Ao nivel musical, por exemplo, Santa María da Feira vai acoller concertos como os de Carminho, Fillo da Nai, Tiago Bettencourt, a banda Bookeepers coa Orquestra Milheiroense, o Duo Art de Philip Catherine e Martin Wind, e os grupos Papercutz, Dead Combo e HMB.

Outros espectáculos anunciados son o do ilusionista Mário Daniel, o do comediante Rui Sinel de Cordes, a recreación do Masacre de Arrifana durante as Invasións Francesas, unha encenificación de "Medeia", con música de Mário Laginha, e os festivais Danzas do Mundo e Loop.

"ACONTECEMENTO TRANSFRONTEIRIZO"

"Somos moi ambiciosos e imos deixar a nosa marca neste acontecemento transfronteirizo", declarou na presentación do programa o alcalde da localidade, Emídio Sousa. "Somos recoñecidos en Portugal e alén-fronteiras non só pola nosa vocación industrial e exportadora, mais tamén pola identidade cultural que fomos consolidando ao longo de dúas décadas (...) e planeamos unha programación extensa, transversal e cualificada que respecta con todo o rigor o paradigma de cooperación transfronteiriza”, incidiu.

Antes que Santa María da Feira, foron Gaia, Ourense, Viana do Castelo e Matosinhos/Vila Real as anteriores capitais culturais da eurorexión. Este ano destinaranse 2,2 millóns de euros. Por iso, tanto Emídio Sousa, como Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, agardan que “a poboación do Norte de Portugal e da Galiza visite a Feira de forma continuada ao longo do ano" pola importancia cultural e os grandes espectáculos que se ofrecen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta