No mundo como debe ser

Ver o mundo como debe ser, si, e nunca a iso renunciar; pero sen perder de vista o mundo tal é. No mundo como debe ser os palestinos son un pobo soberano, viven nun estado democrático, tolerante e prospero onde a expresión suprema da ética e da moral maniféstase nos dereitos do individuo.

Por Xoán Vázquez | New Yersey, USA | 16/01/2011

Comparte esta noticia

No mundo como debe ser a poboación cristián de Exipto non está  a ser exterminada perante a indiferenza dun estado opresor, cómplice dos asasinos. No mundo como debe ser Sudán non está nas mans de mafias neonazi xenocidas, moi convenientemente agachadas detrás do Islam, xa con millóns de víctimas, violacións e masacres cuxa crueldade xa se acaroa aos sádicos límites marcados polo malvado de Braunau am Inn. Non mundo como debe ser ningún país civilizado mantería relacións, de ningún tipo, con estado máis hipócrita inmoral e represivo do planeta: Arabia Saudita. Mais o mundo é como é. 

No mundo tal é, fai un ano viviamos con abraio a última de tantas atrocidades do desastre israelí - palestino, e, unha vez máis,  a gran víctima foi a sociedade civil palestina. Vimos fotos de meniños palestinos chorando, fotos de criaturas  mortas, pais abatidos, vilas arruinadas; tristeza e desolación.  Non hai dúbida que a poboación civil palestina é a gran víctima desta terrible desgraza. O aniversario desta última atrocidade está a coincidir co exterminio bárbaro e xenocida das poucas poboacións cristiáns que aínda quedan no mundo musulmán.  A última proba desta persecución, cuxas manifestas intencións son o exterminio, acábanola de amosar o Exipto – de Pakistán mellor xa nin falar -. No mundo tal é, o tempo é chegado de reflexionar sobre moitas cousas, e sen esquecer o sufrir palestino debullar  e peneirar o sufrir de tantos outros, os asasinos que os perseguen e torturan, a indiferenza dos estados perversos e opresores que no fondo se deleitan e soñan co exterminio destas poboacións “impuras”.  
 
Pero no mundo como é aínda quedan algunhas voces da razón, e nelas unas faíscas de esperanza: Xa fai un tempo, nun documental nunha canle pública de Nova York - o que aquí (EEUU) se coñece como Public Broadcasting Service (PBS)- que trataba a desgraza israelí - palestina, un académico palestino explicaba como non pode haber paz na Terra Santa (por falta de ironía que non sexa a cousa) ata que xurda un recoñecemento mutuo. Continuou dicindo que os seus compatriotas palestinos e mailos outros árabes, sen  renunciar a nada, necesitan entender e recoñecer que os xudeus tamén teñen a súa historia. Eu engadiría ao que dixo o amable palestino que tódolos pobos temos cadansúa. Polo menos cadansúa. E apuntando ao Muro das Lamentacións, alí mesmo ao carón da  Explanada das Mesquitas, puña en evidencia que ningunha desas historias foron inventadas. O ronsel de todas elas está ben á vista, tamén as súas secuelas. E aínda cando afirmar que alí se  atopa a pedra desde onde Mahoma ascendeu aos ceos (verdade irrefutable para os crentes dos Islam) isto non nega que os xudeus tamén teñen consagrado o célebre lugar á devoción eternal,  sendo alí onde  Abraham aceptou a  proba de fe que lle esixía sacrificar ao seu promoxénito. E as crenzas de si Ismael ou si Isaac, irreconciliables, ofrécennos, precisamente pola súa condición de irreconciliables, a afirmación de que tódolos pobos teñen historia e tódolos crentes teñen razón. Velaí, nos elementos conflictivos, a afirmación das diversas realidades, todas elas verdadeiras, ningunha inventada. Velaí, na aceptación desa verdade máis ampla (a verdade de cadaquén), o punto de partida de calquera dialogo que persiga solucións xustas e comprometidas coa dignidade humana: mudar do rexeitamento mutuo ao recoñecemento inequívoco, no mundo como debe ser. Mais no mundo como é, quede claro, os mais dos estados musulmáns (coa excepción de Turquía, Xordania, e en certa medida aínda Siria) están gobernados por déspotas perversos que atopan nas minorías cristiáns unha presa fácil e conveniente para distraer á maioría e así continuar na depredación.  

Buscarlle xustificación ás barbaries de Israel en Gaza sería unha indignidade,  engadirlle a iso a maneira entrapallada, ilegal e criminal  (en augas internacionais) do abordamento do Mavi Marmara… Pero si se poden facer observación dos comportamentos duns e doutros, das intencións duns e doutros, e das responsabilidades duns e doutros.  E tamén, a estas alturas non aceptar como inapelable que nun plano estrictamente ético-moral  ser musulmán non é nin máis nin menos ca ser cristián ou xudeu, ou calquera outro crenza, sempre e cando isto for froito dunha  meditación inspiración e vocación persoal e libre de cadaquén. Nin máis nin menos. Velaí a clave: nin máis nin menos.  Quen non for capaz de se recoñecer nesa realidade, de aceptar ese mínimo de soberanía persoal como o imperativo moral que  é, xa perde, por completo, a súa condición de ser civilizado, non pode ser parte desta discusión, e non ten nada que contribuír ao mundo como debe ser. Non obstante, oxalá (palabra de fondo arábigo - islámico) a desgraza israelí - palestina non nos roube nin unha crianza máis. E oxalá o mundo islámico profese, sen ambigüidades nin matices, que a igualdade entre os seres humanos é incuestionable, e a liberdade de credo un ideal irrenunciable con ansias de transformarse nun indeleble dereito que abrangue ao mundo enteiro. Oxalá. E oxalá Palestina pronto teña o seu estado propio, en democracia, en liberdade, con igualdade de dereitos e deberes para tódolos seus cidadáns.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/