A lista de espera para reprodución asistida no Hospital de Santiago, "un negocio para as clínicas privadas"

Denuncian o caso dunha parella que esperou cinco anos para iniciar un tratamento in vitro e que finalmente foi descartada e derivada á privada, onde o tratamento supera os 8.000 euros. A Asociación de Pascientes do CHUS critica a "grave carencia do banco público de óvulos" e as longas listas de espera.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/01/2018 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

As listas de espera na unidade de tratamento de reprodución asistida do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) supoñen "un dano irreparable para os usuarios e un negocio para as clínicas privadas". Esta é a denuncia que fai a Asociación de Pacientes e Usuarios, logo de coñecer o caso dunha parella cuxo caso leva en demora desde o ano 2013.

Clínico, Chus
Clínico, Chus

Este é o seu testemuño en primeira persoa:

“Somos C.A.A e M.P.M e vivimos en Pontevedra. A principios do 2013, tras 18 meses intentando ser pais, un xinecólogo da Seguridade Social derívanos á consulta por esterilidade primeiro no Hospital Provincial de Pontevedra, onde logo de varias probas somos remitidos o 22 de maio do 2013 para tratamento na Unidade de Reprodución Asistida no Centro de Referencia para Fecundación In Vitro e Inxección Intraplástica de Espermatozoides (F.I.V. –I.C.S.I.). Pasados varios meses, comunícannos que seremos atendidos no CHUS. Fannos unha seria de probas cuxo resultado é o seguinte: El (32 anos) todo dentro da normalidade, eu (35 anos) con insuficiencia ovárica. Dinnos que hai lista de espera de máis dun ano, polo que o meu problema se agravaría e que teriamos que comezar a valorar a ovodoazón como unha opción. A finais do 2014 acudimos a unha nova consulta e indícanme que teño que baixar de peso para comezar o tratamento. Aquí comeza a miña loita, unha loita de anos. Despois dun grande esforzo, que me levou a tratamento por ansiedade, conseguín baixar de peso. A finais do 2016, xa case co peso que me pedían grazas a un especialista privado, fago unha nova revisión xinecolóxica e detéctanme problemas que requiren unha intervención cirúrxica antes de iniciar o tratamento FIV. Opéranme en Pontevedra en marzo do 2017 e, por teléfono, a Unidade de FIV do CHUS infórmame de que teño que esperar 6 meses e baixar máis peso. Finalmente consigo o peso mínimo e danme cita para o 8 de xaneiro de 2018. A doutora que me atende dime: «Non che realizaremos ningún tratamento porque a túa analítica agora será infinitamente peor que hai 3 anos, polo que o teu tratamento sería a través de doazón de óvulos, e a lista de espera no SERGAS realmente non funciona, non se move porque non hai doadores, xa que se lles paga tarde, mal e arrastro». E engade que «no SERGAS a ovodoazón só se contempla para mulleres menores de 30 anos, e en menopausa». Recoméndame que vaia á privada, e fálame de prezos que corresponde a menos da metade do que custa nun centro privado. Posteriormente, despois dunha analítica, danme de alta na unidade por teléfono e néganse a facerme un informe por escrito. Sentímonos enganados e manipulados por esta Unidade, pola falta de información. Estamos esgotados e afundidos. Decidiron a nosa vida por nós e fixéronnos perder uns anos que non recuperaremos. Puxemos unha reclamación dirixida ao responsable da Unidade o pasado día 11 de xaneiro de 2018, da que aínda non temos resposta.” 

O caso desta parella —C.A.A. e M.P.M.— "pon de manifesto que o acceso dos usuarios da sanidade pública a través da carteira de servizos resulta cada vez máis teórico para determinadas prestacións nas que se produce unha verdadeira quebra do principio de equidade".

De acordo coa información a que tivo acceso a Asociación de Pacientes, desde o ano 2013 o CHUS conta cunha unidade de reprodución asistida que a día de hoxe sofre listas de espera para tratamento de fecundación in vitro con gametos propios de 16 meses e de máis de tres para a primeira cita.

Estas demoras, din, fan que moitas parellas se vexan abocadas a ter que acudir a ovodoazóns, ao atoparse xeralmente en idades de entre 35 e 40 anos, pendentes de tratamento.

"A grave carencia do banco público de óvulos do CHUS constitúe unha barreira para o acceso en termos de igualdade aos tratamentos de reprodución asistida, creando un trato discriminatorio por razón de renda para aquelas parellas que non poden acudir a unha clínica privada, cuxo tratamento acada un prezo superior aos 8.000 euros", denuncia a Asociación.

Para este colectivo, resulta "sorprendente" que esta unidade do CHUS, como fixo público recentemente a través de medios de comunicación, pretenda acudir a bancos privados que obteñen beneficios coas técnicas de reprodución asistida, no canto de aplicar políticas públicas destinadas a impulsar a doazón solidaria.

A todo isto súmase o que consideran un "incorrecto tratamento da información subministrada aos usuarios do servizo", o cal "limita a súa autonomía persoal e restrinxe a súa capacidade na toma de decisións".

Resulta "inadmisible" para a Asociación de Pacientes e Usuarios que se faga telefonicamente o trámite de alta no servizo ou que se produza a negativa a emitir informes de alta por escrito, malia ser unha esixencia prevista legalmente no artigo 10 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia.

"O incorrecto tratamento da información aos usuarios, ten un grave custo en termos asistenciais, especialmente en procesos de reprodución asistida onde, para cumprir as expectativas de fecundación, é esencial adoptar as decisións dentro dos límites de idade indicados polo procedemento", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta