O TSXG confirma a indemnización de 50.000 euros a unha muller que sufriu unha intervención innecesaria

A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a indemnización de 50.000 euros a unha muller que, debido a un erro humano, sufriu unha intervención innecesaria no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac).

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2018 | Actualizada ás 12:15 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a indemnización de 50.000 euros a unha muller que, debido a un erro humano, sufriu unha intervención innecesaria no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac).

Segundo o fallo xudicial, recollido por Europa Press, trátase dunha sentenza desestimatoria, xa que a doente reclamaba unha indemnización de 300.000 euros ao Servizo Galego de Saúde (Sergas), pero o TSXG considera que "non cabe falar dun dano desproporcionado e si dun erro humano, unha mala praxe, á jora de practicar a intervención".

"E isto é o que valora a sentenza apelada compensando, por vía de indemnización, non só o dano moral que se lle irrogou á demandante senón tamén o erro que converteu en innecesaria a primeira operación practicada sobre un espazo vertebral distinto do que tiña que ser abordado", sinala o fallo.

Así, conclúe o tribunal que "as secuelas da actora non derivan das intervencións cirúrxicas realizadas, pero si concorre unha mala praxe no que afecta á primeira intervención practicada na que, por confusión, por non marcar o espazo a intervir e, tamén, pola dificultade que engadía a obesidade da doente, abordouse un espazo vertebral que non requiría dese agresivo tratamento".

"ADECUADA E AXUSTADA"

Por iso, o TSXG indica que "resulta lóxico concluír que se lle carrexou á demandante un dano innecesario e superfluo determinante non só do dano moral que a Administración sanitaria recoñeceu, senón tamén unha consecuencia traumática que non viña obrigada a soportar".

Para a Sala a cantidade de 50.000 euros de indemnización "resulta plenamente adecuada e axustada para compensar a realidade do dano producido, sen que proceda acoller a pretensión actora de que lle sexa abonado, tamén, o interese moratorio".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta