O Parlamento de Galicia homenaxea aos 193 galegos deportados a campos de concentración nazis

O Parlamento de Galicia rendeu este luns unha homenaxe solemne aos 193 galegos deportados a campos de concentración nazis e reclamou unha "actitude inquebrantable" fronte a posibles "brotes de racismo, xenofobia ou discriminación baseados na orixe ética ou nas crenzas relixiosas das persoas".

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2018 | Actualizada ás 19:05 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia rendeu este luns unha homenaxe solemne aos 193 galegos deportados a campos de concentración nazis e reclamou unha "actitude inquebrantable" fronte a posibles "brotes de racismo, xenofobia ou discriminación baseados na orixe ética ou nas crenzas relixiosas das persoas".

Acto en homenaxe ás vítimas do Holocausto no Parlamento
Acto en homenaxe ás vítimas do Holocausto no Parlamento | Fonte: Europa Press

Un total de 193 rosas brancas enlazadas por arame de espino xunto ao escudo de Galicia simbolizaron na Cámara galega o recordo "imperecedeiro" destes case 200 galegos que, na súa maioría, perderon a vida en Mauthausen. Ademais, aqueles que tiveron a sorte de ser liberados, nunca puideron regresar ao seu fogar.

O evento, celebrado no vestíbulo principal do Pazo do Hórreo, comezou coa lectura dos nomes destas 193 persoas que foron obrigadas a subir aos trens da morte. A lista de identidades foi proporcionada pola Asociación Galega para a Recuperación da Memoria Histórica e a lectura correu a cargo dos alumnos do IES Xosé Neiras Vilas de Perillo (Oleiros).

"Sirvan estas flores para simbolizar o recoñecemento ás vítimas dos campos nazis na Galicia actual, unha Galicia democrática, dotada das súas propias institucións de autogoberno nacidas da Constitución española e do Estatuto de Autonomía", destacou o presidente do Parlamento, Miguel Santalices.

RECORDO A TODAS AS VÍTIMAS

Con este acto, a Cámara tamén rendeu tributo "á memoria de todos os españois que foron deportados aos campos de exterminio, así como á totalidade das vítimas do Holocausto, fose cal fose a súa orixe". Deste xeito, Santalices tamén lembrou aos exiliados españois que, ao termo da Guerra Civil, en 1939, foron confinados en campos de concentración no sur de Francia en condicións infrahumanas.

"Rendemos tributo, ademais a cantas persoas, especialmente ás e ós heroes anónimos que, desde as súas diversas responsabilidades, foron capaces de enfrontarse á maldade extrema encarnada polo nazismo", indicou o presidente do Lexislativo durante este acto organizado con motivo do Día Internacional en Conmemoración das Vítimas do Holocausto, que se celebra o 27 de xaneiro.

Así, referiuse a persoas como o diplomático español Ángel Sanz Briz, coñecido como 'O anxo de Budapest', que salvou da morte a uns 5.000 xudeus'; así como ás irmás Touza, as 'Schlinder galegas', que desde Ribadavia deron soporte a unha rede que conduciu a Portugal, e desde alí a América, a varios centos de xudeus que fuxían do horror nazi.

REIVINDICACIÓN

No acto, no que o mozo Elías González interpretou á zanfona dúas pezas musicais, o presidente do Parlamento deixou claro que "ante a barbarie e na defensa dos dereitos humanos non hai nin pode facer reservas".

Por iso, celebrou a "reiterada unanimidade" da Cámara galega na condena ao Holocausto e reclamou unha "actitude inquebrantable fronte a posibles brotes de racismo, xenofobia ou discriminación baseados na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas das persoas".

"Segue sendo necesario explicar aos máis novos que foi o Holocausto e as súas causas", sinalou Santalices, que como pide a ONU, considerou necesario "condenar sen reservas calquera manifestación de intolerancia relixiosa, incitación, acoso ou violencia contra as persoas ou comunidades baseadas en cuestións de carácter étnico ou relixioso".

PERSONALIDADES

A homenaxe contou coa presenza de numerosas personalidades do ámbito da cultura, como o expresidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; ou o escritor e tamén membro da RAG Manuel Rivas. Ademais, tamén acudiron numerosos deputados, como os portavoces do PPdeG e En Marea, Pedro Puy e Luís Villares; a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, e o deputado do PSdeG Luís Álvarez.

Ademais, asistiron distintas autoridades, como o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadeas; o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suánzes; así como os conselleiros de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e do Mar, Rosa Quintana; e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta