Sobre o Eo-Navia, parte I

Esta semana pasada puidemos sorprendernos na Mariña luguesa e nas terras do Eo-Navia ante unha noticia ben rechamante. Cinco persoas, integradas nunha plataforma, manifestaban publicamente o seu apoio á explotación dunha mina de ouro en Salave (Tapia de Casarego).

Por Farruco Graña | Tapia de Casariego | 27/01/2011

Comparte esta noticia

 Apelando en tempos de carencia á necesidade de emprego e ao futuro do concello tapiego, proclaman un si a can e gato pola explotación aurífera. É ben curioso que o mesmo xornal que ten posto o berro no ceo tipográfico (con negriña, cursiva, aspas e demais recursos de impresión) por nos atrever desde Galiza a “meter os fociños nas súas cousas” (nomeadamente a lingua) agora celebren con ledicia xubilosa que tamén os galegos e galegas queiramos a mina de Salave. Que me leven os demos!

 
Desde os anos 90 emprendeuse unha campaña de desprestixio cara a Galiza e o galego ben orquestrada coa fin de marcar comercialmente o territorio asturiano. Os intereses económico-mediáticos que levaron a cabo tal labor atoparon no nacionalismo asturiano argumentos moi acaídos para o seu proveito. A finais do século XX pasouse a defender a integridade lingüística de Asturias (un país, unha lingua) e tamén a do territorio asturiano (incluíndo nel terras do norte de León, Valdeorras e a Liébana cántabra). Ningún movemento político nacionalista dou atopado os seus sinais de identidade sen contradicións; na Galiza tamén sabemos diso. No caso asturiano semella que o seu referente negativo pasou a ser o nacionalismo galego (visto como expansionista). O que farían certos medios sería estender a identificación nacionalismo galego con Galiza en xeral. Mesmo chegaron a asimilar politicamente ao señor Fernández Latorre con Xosé Manuel Beiras, como aliados estratéxicos no seu afán expansionista. Que tal había desa “colonización” do Eo-Navia?
 
Intentar despachar o tema da especificidade socio-lingüística eonaviega alegando un presunto labor colonizador da TVG non logrou acadar nin a condición de chiste malo. En todo caso, a súa visión puido lexitimar e reforzar (a pesar das diferenzas específicas da zona) o uso da lingua que ata entón só se identificaba co atraso, as vacas e a rudeza da vida do campo e do mar, e non precisamente con Xota Erre ou Ánxela Chanin. Agora ben, se antes se vía sen rubor a TVG agora mírase “discretamente” (que se segue a sintonizar, vaia se non!, pero os máis novos non tanto). Pódolles xurar que a pantasma de Sin-Chan percorre a comarca eo-naviega sen descanso, aínda que agora se agoche por entre e bruma do Cantábrico no canto de tomar o sol alegremente.
 
As similitudes entre o Eo-Navia e Galiza están máis que contrastadas histórica e etnograficamente. A dinámica rural predominantemente labrega do Eo-Navia, fronte a unha Asturias central cunha forte pegada da Revolución Industrial, preservou e agrandou as diferenzas culturais xa existentes de vello. Os albións, os cibarcos e os egovarros encádranse dentro dos gallaeci, non nos astures; nos castros galegos e do Eo-Navia primaban os criterios territoriais como elemento de cohesión social, fronte aos astures, nos que predominaba o parentesco. Nun período concreto da historia estas terras asturianas pertenceron á igrexa bretona, con sé na actual Bretoña (preto de Meira e a poucos quilómetros da Pontenova e A Veiga). Os lingüistas e historiadores coinciden en destacar que a romanización que se produciu nesta zona garda unha clara relación co ámbito lucense, e que a posterior configuración da lingua romance que nela agromou encádrase nidiamente nese substrato común.
 
Botando unha ollada á historia de Asturias, na cal integramos sen ningún rubor as terras do Eo-Navia, podemos comprobar que o papel protagonista da mesma corresponde preferentemente á zona centro. As “alas”, xa se sabe... A parte oriental do país, cando menos tivo a sorte de que por algunha parte había que abrir camiño cara a Europa. E á Galiza, quen había de querer ir? Pero hai cousa de 25 anos, como di un amigo meu das cuncas mineiras establecido en Ribadeo, o Eo-Navia descubriu Asturias. E eu respóndolle: e Asturias descubriu o Eo-Navia, aínda que diluíndoo nun etéreo Occidente. Cumpría marcar comercialmente a zona. Ademais, o desenvolvemento das institucións asturianas, e a conseguinte elaboración dunha identidade, por suave que esta fora, obrigaba a incluír (?) o “Occidente”. Como antes comentamos, equivocadamente: negar a súa especificidade para convertela en nidiamente asturiana foi o erro cometido ao longo dos 90.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA