Por Walter Burns | O Irixo | 25/01/2011 | Actualizada ás 21:23
O PSOE galego anunciou este martes o seu apoio ao plan de ZP de bancarizar as caixas. Os socialistas argumentan basicamente que o polémico plan o único xeito de garantir a solvencia das entidades e que así estas poidan dar créditos a PEMEs e familias.
Imposible atopar 1.500 millóns?
En todo caso, en Novacaixagalicia (NCG) recoñécese que a entidade galega terá moi difícil cumprir cos novos criterios de solvencia para evitar a nacionalización e a posterior venda a un gran banco. NCG necesita captar 1.500 millóns de aquí a setembro, desafío titánico tal e como está a economía.
Feijóo cala, Guillerme ataca
A liorta política está servida. A Xunta, gobernada polo PpdeG, xa acusou ao PSOE de “cambiar as regras de xogo”. Feijóo evita tomar unha postura clara, pois o PP estatal está a prol da bancaraización.
No BNG xa preparan a batalla na defensa da galeguidade de NCG. O voceiro dos nacionalistas Guillerme Vázquez escribiu hoxe no seu Facebook que “agora veñen a pola caixa galega, queren facerse co aforro deste País. Lembrade que fomos quen de parar o primeiro asalto, cando desde o BNG impulsamos a fusión e a lei de caixas. Agora hai que parar o segundo asalto. Imos tomar a iniciativa, como sempre facemos. Contra a privatización e a favor do carácter social e do compromiso territorial da caixa galega.Tomar a iniciativa significa abrir unha rolda de contactos coas forzas políticas e sociais para chegar a unha Posición de País, unha posición galega en defensa do noso sistema financeiro frente aos que pretenden apoderarse dos nosos aforros e levalos fóra de Galiza”.
O certo é que hai anos que as caixas galegas levan investindo os aforros xerados no país lonxe de Galicia. Fixérono en centos de operacións inmobiliarias de dubidosa solidez. Investimentos que se desfixeron como castelos de naipes en canto comezou o previsíbel pinchazo do boom do ladrillo.
Velaquí unha escolma da participación das entidades semipúblicas galegas nas constructoras que acabaron pedindo concurso de acredores, a antiga suspensión de pagamentos:
Esta lista só abrangue grandes constructoras que tiveron que acollerse ao concurso de acredores. As caixas galegas tamén teñen investido en empresas do ladrillo que, ante a imposibilidade de devolver os cartos, lograron finalmente refinanciar a débeda a un maior prazo.
Por exemplo, Superficies Comerciales (Superco) -dona dos centros comerciais Ponte Vella (Ourense), Cuatro Camiños ( A Coruña) e Pontiñas (Lalín)- ten entre en Caixa Galicia o seu principal acredor canda o Banco Pastor. A entidade coruñesa e Caixanova tamén participaron na refinanciación da débeda o ano pasado do Grupo San José, editor de Xornal de Galicia e ANT. Parte da débeda cancelouse con accións do grupo.
0 40% do investido en pisos pode non recuperarse
Ante a incertidume creada, Novacaixagalicia remitiu un comunicado a CNMV sobre os seus investimentos no ladrillo. A entidade presume de ter menos implicación que a media das entidades no sector da construción.
Con todo, NCG admite que ten investido en constructoras e inmobiliarias 33.000 millóns, dos que o 40% son de dubidosa recuperación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.