As científicas da Universidade de Santiago gañan visibilidade en Internet

A ‘editatona’ convocada pola USC crea ou amplía 23 artigos na Galipedia con información sobre investigadoras que estudaron nesta institución académica.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/02/2018 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

Baixo o lema ‘Investigadoras na USC: as pioneiras’, este mércores un nuttrido grupo de persoas colaborou en ampliar e mellorar artigos na Galipedia (a versión en galego da Wikipedia) relacionados coas mulleres na ciencia, biografías de científicas e as súas achegas.

‘Editatona’ na Biblioteca Concepción Arenal da Universidade de Santiago para conmemorar o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia
‘Editatona’ na Biblioteca Concepción Arenal da Universidade de Santiago para conmemorar o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia | Fonte: USC.

Desde a Biblioteca Concepción Arenal da Universidade de Santiago de Compostela (USC) organizouse a acción, chamada ‘editatona’, convocada para conmemorar o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia.

Como resultado da wikimaratón creáronse ou ampliáronse 23 artigos, dos cales máis da metade foron sobre alumnas da Universidade de Santiago. Os perfís novos ou renovados foron os de Kisamor, Dolores Lombardero Martínez, Antonia Ferrín, Josefa Ron Noya, Ana Crespo, María de la Concepción Carnero Valenzuela, Irene Lucía Álvarez Veras, Luisa Cuesta Gutiérrez, Tarsy Carballas Fernández, Ramona Vaamonde Fernández, Gueraula Codines, Ascensión Vidal Piazuelo, Manuela Barreiro Pico, Dolores Lorenzo Salgado, María Rosario Aida Méndez Miaja, Susan Dimock, Elisabeth Christina von Linné, Balbina López Somoza, Anna Sandström, Elisa Díaz Riva, Rebeca Atienza, Sarah Parker Remond e Catherine Gage.

Na xuntanza, a priori suxeríase unha lista de 85 mulleres científicas que estudaron na Universidade de Santiago de Compostela entre 1910 e 1960 e que recolleu Xoana Pintos Barral na súa tese de doutoramento As mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago: 1910-1960 . A maiores, propoñíanse outra serie de científicas falecidas antes de 1900 sobre as que se podía comezar a traballar.

Na editatona colaboraron a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-Gal) e a Galipedia, cuxo representante comezou a sesión cunha charla de introdución xeral á edición na Wikipedia. Nela falou da necesidade de indicar a orixe da información incluída, e explicouse a diferenza entre o editor visual (máis intuitivo) e editar en código fonte. Conforme a xente ía rematando de redactar artigos, fóronse indicando tamén as posibilidades de HotCat para incluír as categorías correspondentes. Ao remate da sesión, explicouse por riba o funcionamento de Commons e WikiData como repositorios de información, tanto de documentos audiovisuais como de datos, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta