Voi non sapete

Ao nonaxenario escritor italiano Andrea Camilleri o coñecemos, sobre todo, polas entretidas novelas protagonizadas polo comisario Salvo Montalbano, que xa superan de longo as duas ducias. Pero a súa obra abarca moito máis que esta extensa serie: libros como “A ópera de Vigata”, “A concesión do teléfono”, “Un fío de fume” ou “A morte de Amalia Sacerdote” ofrecen unha análise da sociedade italiana, que sen chegar aos niveis de profundidade da obra doutros autores de inmensa talla intelectual, como son Leonardo Sciascia ou Italo Calvino, paga a pena ler.

Por Emilio Martinez | Lugo | 28/03/2018

Comparte esta noticia
Un deses libros recomendables é “Voi non sapete”,  “Vos non sabedes”, editado en España hai agora unha década por Salamandra e que ben a ser unha especie de diccionario crítico da mafia. O libro-diccionario susténtase en grande parte en palabras que aparecen de forma repetida nos “pizzini” (anacos de papel) escritos por Bernardo Provenzano, capo supremo da Cosa Nostra, durante a súa longa época de clandestinidade (máis de cuarenta anos!). “Vos non sabedes” é precisamente unha das entradas que se explican no libro:  “Vos non sabedes o que estades facendo” foi o que o capo lle espeta aos carabinieri que o deteñen. A frase préstase a múltiples interpretacións, pero o facelemento de Provenzano en 2016, unha década despois da súa detención, acabou coas posibilidades de que el mesmo nos dea a súa versión do senso da mesma.
 
Estas palabras teñen moitas variacións, aínda que o significado sempre se conserva, e se conserva tamén o fin, o obxectivo de quen as pronuncia. Unha variación moi común é esta de: “Ti non sabes quen son eu”, ou outras do estilo: “Son moi amigo de fulanito ou de zutanito”, sendo fulanito, ou zutanito o xefe de quen escoita atónito a frase ou mesmo o xefe do seu xefe. Eu mesmo, en distintos postos nas administracións públicas nas que teño traballado, a escoitei en máis dunha ocasión. O obxectivo é sempre o mesmo: poñer en evidencia a diferenza de rango, a diferenza de capacidade de influencia, entre aquel que a pronuncia e a persoa a quen se dirixe. Pedindo por anticipado disculpas polos términos que vou utilizar, a frase podémola traducir ao linguaxe máis popular como: “Ten cuidadito conmigo porque te puedo joder bien”. A frase retrata perfectamente a aquel que a pronuncia, polo xeral unha persoa profundamente despreciable.
 
E nisto salta a polémica en Santiago de Compostela coa deputada de En Marea no Parlamento Galego, Paula Quinteiro, integrada  en Anticapitalistas grupo que fai parte de Podemos. Segundo as informacións aparecidas en diversos medios, e as propias declaracións da deputada, esta tentou facer valer a súa condición de representante parlamentaria durante unha intervención da policía local, que tiña como obxectivo identificar aos presuntos autores de actos vandálicos no Ensanche da capital. Un grupo de persoas ás que parece que a propia Quinteiro acompañaba. Descoñecemos con exactitude os feitos que aconteceron, pero creo que son fáciles de supoñer. O que non son capaz é de ver cal é a relación entre ser deputada nun Parlamento e tentar mediar, ou impedir segundo as versións policiais, o traballo da policía. Reviso o regulamento do Parlamento Galego, reviso o Estatuto de Autonomía e sego sen ver, nen sequera de lonxe, a relación entre unha cousa e a outra. Dame que nesas circunstancias a identificación como deputada ten tanto valor como ou meu propio DNI ou mesmo a identificación como membro do clube dos “Jovenes Castores”, xa que non foi a propia deputada a que foi requeria pola policía a mostrar a súa identificación, xa que si esa foran as circunstancias sí ten todo o dereito a identificarse como persoa aforada.
 
As explicacións de Paula Quinteiro non semellan moi claras, nen a min nen a unha boa parte dos membros de En Marea. A petición de dimisión tal vez poida ser precipitada neste momento, pero cando menos os feitos coñecidos son os suficientemente graves (o feito de estar con persoas que están presuntamente comentendo delitos, o feito de usar a condición de deputada en favor dos seus amigos e utilizar esa condicición para dificultar a labor policial) como para que o grupo político ao que pertence abra unha investigación interna que aclare o acontecido e chegado o caso, de confirmarse as suposicións, esixa con firmeza o abando do escano. 
O posicionamento dalgúns dos sectores de En Marea respaldando a Paula Quinteiro volta a enlazarnos co que contaba ao principio sobre o libro de Camilleri. Xa non é que unha parte de En Marea se mova por criterios de tribo: unha parte estase movendo por criterios de “familia”, esa forma de comportamento tan presente en organizacións como a Cosa Nostra, a Camorra ou a Ndranagheta, pechando filas de forma acrítica cando os seus son cuestionados, aínda que o cuestionamento sexa por erros clamorosos.
 
O acontecido, xunto con outros comportamentos e a falta manifesta de capacidade no traballo parlamentario dalgúns dos membros do grupo parlamentario liderado, con non poucas dificultades, por Luis Villares, fan pensar que os procedementos utilizados no seu momento para confeccionar as listas electorais da marca electoral son claramente mellorables. Cando menos teñen fallado, ou cecais nen teñan existido, os mecanismos que deberían verificar a idoneidade dos candidatos e candidatas aos cargos que pretenden desempeñar. E o problema é que rectificar é de sabios, e a sabiduría non se aproba en asemblea.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.