O alcalde de Cabana mantén un vía aberta á mina de ouro en Corcoesto

Veciños quéixanse da "teima" do rexedor de "recoller os dereitos mineiros no Plan urbanístico municipal en tramitación".

Por Galicia Confidencial | Cabana de Bergantiños | 26/04/2018 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

A recollida dos dereitos mineiros solicitados por Mineira de Corcoesto, S.L, filial da canadiana Edgewater no Plan urbanístico municipal do concello de Cabana de Bergantiños, aprobado  inicialmente por acordo do Pleno do 22 de marzo de 2018, volve a xerar malestar entre parte da veciñanza das parroquias afectadas.

Panorámica de Corcoesto
Panorámica de Corcoesto | Fonte: Miguel Nuñez

"A parroquia de Corcoesto volve ser a máis afectada ao quedar incluída case na súa totalidade nos dereitos mineiros Julia 2, Julia 3, Julia 4, Julia 5 e Julia 6. Outras parroquias como Riobó e Anós tamen resultarían afectadas polo dereito mineiro Covadonga e Cánduas polo dereito mineiro Grafo. A problemática é máis que preocupante se temos en conta que os dereitos mineiros chamados As Julias afectan na súa totalidade as casas e granxas, é dicir, a núcleos de poboación habitados", critican desde a Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo.

Trátase de dereitos mineiros da Sección C solicitados, a meirande parte deles, en decembro de 2011 pola matriz da empresa canadiana Edgewater e denegados por silencio administrativo da Xunta de Galicia. Porén, os denuncianmtes din que "chama moito a atención que dereitos mineiros caducados como Emilita, Ciudad del Masma e Ciudad de Landró figuren, aínda que caducados, na planificación urbanística municipal".

Isto ocorre cos dereitos da filial canadiana, posto que outros dereitos de empresas locais, tamén caducados, como o dereito mineiro Regalados, xa non figura. Sen embargo, si aparece outro dereito caducado xa no ano 2005, como o dereito mineiro Grafo a nome doutro empresario local, e non aparece, sen embargo, o dereito mineiro en vigor que si afectaría a parroquia de Cánduas como é o permiso Jorge Reyes.

Para a Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo "é significativa a relevancia que sen embargo o Concello lle presta aos dereitos mineiros, incluso os xa caducados de Edgewater, é dicir, ata o punto de primar a caducidade destes sobre o dereito mineiro Baralláns (titularidade da empresa ourensá Pizarras San Gil), sen caducar, e que sen embargo, non figura na planificación urbanística municipal".

"Tamen é relevante que os dereitos mineiros popularmente coñecidos como As Julias afecten a áreas especialmente importantes desde o punto de vista paisaxístico e natural como o val fluvial do río Lourido ou ao LIC Río Anllóns", alertan.

Do anterio, deducen que "a intencionalidade clara do plan urbanístico municipal, arestora a exposición pública ata o 17 de xuño, e é que hai dereitos que, aínda que caducados, seguen a espertar interese municipal e outros que, aínda que vixentes, non hai rastro deles en toda a cartografía do planeamento urbanístico".

Esta "intencionalidade espúrea" acrecentou o "malestar" entre veciños afectados, posto que "se está a xerar inseguridade xurídica ao mesmo tempo que desde a Alcaldía se pon a minería metálica (recursos da Sección C) e outros intereses, por enriba das casas da veciñanza, dos núcleos afectados e dos seus medios de vida".

PIDEN UN "CARA A CARA" CO ALCALDE

Veciños de Corcoesto piden que o propio alcalde de Cabana, José Muíño (PP), vaia en persoa á reunión que se ten previsto realizar na parroquia para a explicación do Plan urbanístico en tramitación, o vindeiro día 2 de maio, e explique "cara a cara" á veciñanza esta "aposta pola minería de ouro por enriba dos intereses veciñais".

Para os críticos, resulta ademais "difícil comprender como a Xunta de Galicia se pode mostrar proclive unha vez máis á minería de ouro e outros metáis nas súas distintas vertentes sen valorar outro tipo de condicionantes como as afectacións ao territorio e ao medio ambiente, primando a actividade extractiva fronte outros sectores produtivos básicos en Galicia como a agricultura e a gandería".

De feito, din, "no propio Plan Sectorial de Actividades Extractivas apóstase de maneira decidida polo renacemento da minaría metalífera e a apertura de 40 solicitudes de permisos de exploración e investigación mineira nos últimos anos en territorio galego".

Por iso, consideran que "a única solución é unha reforma profunda da Lei 3/2008, de Ordenación da Minería de Galicia", aprobada pola Consellería de Economía e Industria na época do bipartitio, a cal "adoece de importantes defectos de forma e numerosas incongruencias que foron aproveitadas desde a actual administración autonómica do PP para proxectos empresariais favorables coa súa liña ideolóxica".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta