Por Galicia Confidencial | Teo | 27/04/2018 | Actualizada ás 14:20
Manipulación informativa, control da comunicación, intervencións xudiciais e mesmo prisión. Nos últimos tempos, o xornalimo libre e independente está no punto de mira de poderes políticos e económicos debido, precisamente, a tentar informar do que pasa sen os filtros dos grandes medios subvencionados.
Precisamente, de xornalismo libre e independente falarase este sábado en Teo, dentro do LibreTeo, unha xornada que ten como lema: Software Libre. Cultura Libre. Coñecemento Libre. A mesa, que leva por lema Liberdade informativa, xuntará a destacados profesionais dos medios de comunicación, entre eles, Xurxo Salgado, director do Galicia Confidencial.
Trátase de contestar preguntas sobre onde está a liberdade informativa, cales son as consecuencias de querer exercela, se é real a presión de grupos económicos ou políticos sobre as empresas xornalísticas ou que son os medios independentes entre outras cuestións. A mesa comezará ás 11:00 horas e contará con Anibal Malvar (xornalista do Diario Público); Belén Regueira (xornalista da Radio Galega); Raquel Ejerique (xornalista de eldiario.es); Adirán Estévez (un dos administradores da Wikipedia-Galipedia); Cristina Huete (xornalista de El País) e Manel Pardo (xornalista e director de Lindeiros), como moderador.
HERVÉ FALCIANI
Tamén interverá, finalmente, aínda que por videoconferencia, Hervé Falciani, o enxeñeiro informático de sistemas que fai dez anos destapou información de 130.000 supostos evasores fiscais e que está pendente dun proceso xudicial. De feito, o xuíz denegoulle a asistencia a estas xornadas.
A este respecto, Conchi García, concelleira de Promoción Económica destaca que "o LibreTeo mantén a súa aposta por aspectos coma a libertade informativa e o traballo colaborativo na busca de coñecemento común como temáticas destacadas". "A maiores tamén nos preocupamos por presentar unha oferta para toda a familia, con obradoiros para a infancia e outros para adultos" indica a responsable da organización.
A mesa redonda terá lugar no Auditorio Municipal Constante Liste. Para consultar o programa completo ou anotarte podes facelo entrando no sitio web do evento libreteo.gal. Todas as actividades do LibreTeo son de balde.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.