Funcionarios de Cultura esixen equiparación salarial cos seus homólogos no resto do Estado

A Asociación do Persoal Técnico de Arquivos, Bibliotecas e Museos da Xunta de Galicia (ARBIMUGA), anuncia mobilizacións para os días 18 e 19 de maio.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 16/05/2018 | Actualizada ás 17:38

Comparte esta noticia

Os funcionarios e funcionarias da Xunta de Galicia que atenden arquivos, bibliotecas e museos de competencia autonómica, levarán adiante unha serie de mobilizacións coincidindo co Día Internacional dos Museos e da Noite dos Museos, programados para os días 18 e 19 de maio. Desta maneira queren reivindicar unha equiparación salarial con respecto aos seus compañeiros e compañeiras do resto das comunidades autónomas.

Anxo Lorenzo nunha entrevista co GC
Anxo Lorenzo nunha entrevista co GC | Fonte: Xosé Bocixa

Baixo o lema “Museos galegos-Museos españois, Mesmo traballo-mesmo soldo”, levaranse a cabo unha serie de mobilizacións como protesta pola situación laboral dos traballadores deste sector. Informarán aos visitantes e ao público en xeral que durante eses días se dirixa aos distintos museos para participar nas  actividades organizadas por estas entidades. Ata agora celebráronse varias reunións entre os representantes de ARBIMUGA  e responsables da Administración da Xunta de Galicia.

Así o pasado luns, 14 de maio, mantiveron una entrevista co Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, para trasladarlle as súas reividicacións. Neste encontro, comunicáronlle o descontento do colectivo e informárono que se organizaran coa esixencia de obter uns niveis máis xustos e equiparados aos mesmos perfís profesionais do resto do Estado español.

Neste momento, os funcionarios de Arquivos, Bibliotecas e Museos do grupo A2 teñen un nivel 16, cando o habitual noutras comunidades, tendo en conta as súas funcións e grado de responsabilidade, é que cheguen ao 20 ou mesmo ao 22. Igual se pode dicir do grupo A1 que como moito poden alcanzar o nivel 22 cando lles correspondería un 24. Todos os actos reivindicativos celebraranse durante o desenvolvemento das actividades festivas programadas e que farán públicas cada un dos museos participantes, os horarios e os eventos serán diferentes duns museos a outros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta