Especies invasoras, o principal problema para combater o lume da Eurorrexión

Expertos galegos e portugueses coinciden na necesidade de erradicar especies como o eucalipto e aposta pola prevención para evitar grandes vagas de lume.

Por Galicia Confidencial | Braga | 27/05/2018 | Actualizada ás 09:53

Comparte esta noticia

A erradicación de especies invasoras e a prevención foi defendida como arma clave na loita contra os incendios na Eurorrexión por expertos a unha e outra beira do Miño. Foi durante o marco da Conferencia 'Segurança Transfronteiriça. Ligações norte de Portugal-Galiza', organizada polo xornal Correio do Minho.

A primeira mesa, centrada na problemática dos incendios, contou coa participación de Antonio Bento Gonçalves, profesor da Universidade do Minho, Juan Picos, profesor da Universidade de Vigo e João Felgueiras, comandante dos bombeiros sapadores de Braga. Durante a súa intervención o profesor Bento lamentou a presenza de especies "altamente inflamables" como o piñeiro ou o eucalipto. Bento tamén sinalou o abandono do mundo rural e comportamentos patolóxicos das propias persoas como os principais motivos da proliferación ano a ano de multitude de incendios (18.000 focos en 2018 en Portugal). Fronte a esta situación o experto da Universidade de Miño avogou por unha mellor ordenación do territorio así como pola necesidade de incrementar a información previa para evitar os incendios.

Juan Picos, profesor da Universidade de Vigo, explicou que hai que traballar sempre coa perspectiva da cooperación en prevención, a detección, a extinción, análise, protección de persoas e bens, e investigación científica. Destacou a necesidade de atopar  alternativas á situación actual e apostar polo medio rural, porque se non "os eucaliptos gañan por incomparecencia doutras actividades". Hai que ter en conta que Juan Picos é o autor dun informe exhaustivo sobre esta materia, por iniciativa do Eixo Atlántico, que será divulgado nas próximas semanas.

Por último, o comandante de bombeiros João Felgueiras, alertou da necesidade de ordenar o territorio e alertou tamén da introdución de especies exóticas resistentes e "amigas do lume·, como é o caso das acacias e o eucalipto. Felgueiras, quen fixo repaso histórico sobre o incremento dos incendios e do tamaño dos mesmos na zona, explicou que ·da defensa da natureza contra os incendios pasamos a defensa das persoas contra os incendios forestais.

EMERXENCIAS TRANSFRONTEIRIZAS

O segundo panel estivo centrado na capacidade de resposta ante unha catástrofe e foi especialmente destacable a intervención de Rudiger Oya Steinbruggen, coordinador do Centro de Cooperación Policial e Aduaneira (CCPA) de Tui-Valença. Oya explicou as dificultades que leva a seguridade nas zonas fronteirizas porque "aínda que Europa non ten fronteiras, os funcionarios para facer o noso traballo, si". Con todo, os CCPA permiten, por exemplo o establecemento de operacións de control e patrullas mixtas. De feito, lembrou que a antiga comisaría conxunta supón un exemplo de colaboración e coordinación no ámbito da seguridade.

A terceira e última mesa tratou os modelos de colaboración e contou coa presenza do presidente da Cámara de Viana do Castelo e da asemblea xeral da Riet e o eurodeputado José Manuel Fernandes. José María Costa quixo destacar da decisión da RIET de levar ao próximo Cumio Ibérico a creación dun Centro de Coordinación de Emerxencias na fronteira, e a necesidade de que se dote cos medios necesarios.

AXILIDADE NAS INTERVENCIÓNS

Pola súa banda José Manuel Fernandes falou da eficiencia do investimento na prevención e propuxo tamén incrementar a axilidade administrativa para que as actuacións de emerxencia non se vexan limitadas pola falta dunha autorización administrativa.  

Durante a clausura, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, propuxo como conclusións da xornada a necesidade dun maior investimento en investigación, máis recursos para as forzas de seguridade na fronteira e  máis cooperación. Tamén se manifestou contrario á privatización da loita contra os incendios. "Pode ser que haxa quen obteña beneficios dos incendios pero non pode ser que haxa quen obteña beneficios da loita contra os incendios", manifestou.

A conferencia terminou coa intervención de Ricardo Rio, quen esixiu que as instancias nacionais faciliten os recursos administrativos para que se poida mellorar a colaboración aos dous lados da fronteira tanto a nivel de prevención como de capacidade de resposta en función das necesidades.

Expertos falan sobre os perigos do eucalipto nas xornadas 'Segurança Transfronteiriça. Ligações norte de Portugal-Galiza'
Expertos falan sobre os perigos do eucalipto nas xornadas 'Segurança Transfronteiriça. Ligações norte de Portugal-Galiza' | Fonte: Eixo Atlántico

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta