Monte Seixo, o olimpo celta de Galicia

Hai un monte en Galicia onde as pedras falan e o vento chora. É un lugar onde conviven os mouros, as bestas, menhires e santuarios sagrados. Un monte mítico, un santuario celta, onde ían e aínda van os veciños de Cerdedo a falar cos seus mortos.

Por Xurxo Salgado | Monte Seixo, Cerdedo | 14/03/2011 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

Carlos Solla, o neto de Isolina da Raposeira, é o bardo deste espazo mítico; o Monte Seixo, no concello de Cerdedo. Un lugar máxico que garda historias lonxanas de mouras de loiros cabelos, do rato rabisaco e de galiñas de pitos de ouro.

Todo no Monte Seixo ten un por que. As pedras falan cos vivos e os vivos cos mortos. O vento xoga e marca o tempo do máis alá. Solla asegura que o monte todo é un espazo mítico no que cada elemento xoga o seu papel; hai unha cadeira para o rei, un altar de pedra, un camiño de pitas e mouros, castros, un menhir que divide lugares e tempos e un chan con tres lagoas e mámoas que delimitan espazos fantásticos onde o real se mestura co fantástico.

Pero, sen dúbida, se algo marca todo este lugar cargado de simbolismo é Portalén, a porta ao mundo dos mortos. Un conxunto pétreo que se abre a través dunha porta simbólica de pedra. As xentes do lugar atribúenlle poderes de verdadeiro oráculo, ademais de porta dimensional. "Segundo a crenza, esta porta permite o paso ó reino dos mortos, á terra dos defuntos", sinala Solla con quen percorremos este espazo acompañados polo profesor Manuel Gago e o arqueólogo André Pena Graña.

"Experiencias persoais que non se poden contar"


Para que os vivos poidan falar cos mortos, hai que cruzar Portalén de leste a oeste e regresar ó noso mundo desandando os pasos e nunca saíndo do espazo ritual, pois do contrario a alma da persoa quedaría atrapada no outro lado. No lado dos defuntos. Pero para falar con eles, os vivos teñen que levarlle unha pequena ofrenda en forma de pan, viño ou candeas. "O que cada un vive aí son experiencias persoais que non se deben contar. Aquel que as revele queda rouco de voz para a fin dos días", suliña Solla, que ten escrito varios libros sobre a mitoloxía deste lugar.

None


Decidimos atravesar Portalén por primeira vez. Ceremoniosos, reflexivos e mesmo temerosos do que imos atopar no Máis alá. Acompañanos o bardo Solla, que dirixe o ritual. Primeiro imos cara a pía natural para lavarnos coas súas augas que, segundo a tradición popular, son medicinais. E logo damos a volta a todo o conxunto pétreo por unha especie de deambulatorio, perfectamente delimitado entre as fendas da rocha, para saír polo mesmo lugar polo que entramos. Miramonos... Queremos saber que sentimos pero preferimos non falar. O que cadaquén falou cos seus mortos ten que quedar en segredo. É a lei do santuario.


Nós cruzamos Portalén en marzo, pero é no mes de Santos, especialmente na antiga festividade céltica do Samaín --do 31 de outubro ao 1 de novembro--, cando a xente da contorna subía ao Monte Seixo para cumprir coa tradición e falar cos seus mortos. Nesa noite é cando os dous mundos, o dos vivos e o dos mortos, están máis preto e o contacto cos do Alén é máis efectivo.

Un marco para parar o vento

Xusto ao pé de Portalén atópase "A legua do Santo", un espazo no que en épocas antigas se celebraba unha feira vinculada ao horáculo pétreo e que está delimitado por un enorme menhir de 6 metros de alto. É o chamado "Marco do vento", onde "chegan e dan volta todos os ventos". Precisamente, esta pedra fincada marca o límite natural de catro freguesías da comarca.

O "ara solis"

O Monte Seixo tamén ten outro espazo sagrado ao que só van os vivos para rendirlle tributo aos mortos e pedir por boas colleitas. É "A cruz do Seixo", un pequeno santuario cun altar de pedra no que, aínda hoxe, se segue a dar misa. Unha auténtica "ara solis", hoxe cristianizada. Segundo conta Solla, a pequena cavidade sobre a que está a cruz "contén unha grande acumulación de enerxía telúrica".

Cada 25 de xullo os veciños soben o Santo Antón e diante do altar e da cruz, o cura bendí as terras e pide a intervención divina para garantir un clima propicio para as boas colleitas. Se a intervención non é adecuada, os veciños emprenden o camiño de volta co santo cabeza abaixo no caso de que a súa intervención non fose a adecuada.

Seres míticos

Pero, ademais de cruces, altares e santuarios, o Monte Seixo garda, tamén, seres míticos. "No Castro ghrande, no interior da Oca Peneda, baixo tella e viga de ouro, están a moura de loiros cabelos, o rato rabisaco e a ghaliña dos pitos de ouro", conta Carlos Solla. Paramos onde a pedra da moura para "medirnos". Se a pedra coincide coa estatura dun, pouco hai que facer. "Quedas preso polo meigallo da moura". E non é mentira. A moura de cabelos louros tomou forma humana para atrapar a máis dun que, ousadamente, se mediu na pedra encantada e daba perfectamente a talla.

A este espazo simbólico se chega por unha especie de camiño labrado no chan e rodeado de fitas de pedra caídas. "Isto chámase 'As pedras guiadas' e éra un camiño de pedras que ía desde o Castro ata o chan de mamas". Un auténtico aliñamento de pedras de case 500 metros que remata noutro espazo fantástico que ben podería ser parte do mundo máxico del Tolkein.

None

Aliñamentos de pedras

Nese "chan", hai varias mámoas aliñadas e tres lagoas míticas; a Laghoa Pequena ou Laghoa da Muller Morta, Laghoa Media e a Laghoa Grande. E coronando o conxunto, a "Pedra Mosqueira", á que acuden as bestas en peregrinaxe durante o verán para buscar ventos frescos. Un feito tan curioso e inexplicable que mesmo foi recollido polo Padre Sarmiento.

No Monte do Seixo tamén está o "almatraque da Pilocha" no que está a moura papahomes; a cadeira do rei, perfectamente labrada na pedra e de onde se divisa toda a Ría de Pontevedra ou a Pedra da Cama, onde ían probar xeitos e formas os matrimonios da vila. De feito, aos pés desta pedra atopouse xaspe vermello, unha rocha vinculada á fertilidade. E como non podía faltar en todo este espazo mítico, tamén hai unha vila asolagada, a de Trentinán, coas súas mouras e pedras faladoras.


Feridas de morte

Hoxe toda esta mitoloxía está ferida de morte. Unha gran navallada de muiños de vento corta e divide en múltiples anacos todo o monte, danando irreparablemente a concepción mítica que os veciños tiñan do lugar. De feito, desde que instalaron o parque eólico, a comezos deste século, moitos deixaron de subir. E non é para menos. Segundo reza unha dito popular "o día que o Monte do Seixo estea sementado de estradas e os homes cheguen a lúa, será a fin do mundo". "E senón, que llelo pregunten a Josefa, cando veu da emigración e viu o estado actual da serra, estivo tres meses enferma a punto de morrer de pena", lembra Carlos.

Menos mal que aínda quedan bardos coma el para evitar que este Olimpo Celta desapareza entre ventos de diñeiro e políticas de papel.

None
None
None
None
None
None
None
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 56 comentarios

12 Pichulin

Sen acritude, o Olimpo Celta galego foi de sempre o Monte Pindo de Carnota, que por certo aspira a ser parque natural ( http://www.montepindo.org) Ah, se queredes un consello, non difundades demasiado as marabillas do Monte Seixo, senón será cuestión de horas que apareza Feijóo a calcular cantos muiños de vento é capaz de meter.

11 amergin

Se a todos estes inúteis que falam de Raticulín e caralhadas dessas lhes dizem o mesmo sobre o cristianismo ou a Igreja Católica pouco che tardam em acender as fogueiras para te queimar vivo.

10 Un de Soutelo

O monte do Seixo sempre foi un monte mitico pra Terra de Montes, mais coma foi "violado" polos eolicos, agora so é un monte mais, sin divinidade nin misterio. Agora é un lugar onde todolos ecoloxitas de domingo e 4x4, con roupa tipo Declaton. Un consello pra Carlos Solla, non o publicites mais, os que queiran pasar un domingo que vaian a praia que as mouras do Seixo, Costoia, Ruzo, ... son nosas.

1 SubeSeixos

Canta razón levas, subo con certa frecuencia ó Seixo, a pata, unhas veces dende A Lama outras de onde lle cadre, Cima de Vila etc. e por ese camiños nunca atopo a ninguen

9 kaliel

O q hai nesta Galicia e moito Coruñés e Pontevedrés q non saben nada de onde se atopan e dan moita pena...o coñecemento do pasado abre portas cara o futuro, e Galicia está chea de pasado..o q non o teña en conta é un ignorante moi grande co que non merece a pena falar sequera política aparte...e o pasado celta de Galicia é asombroso...non falo de Celtas do século 4, falo de celtas do megalitismo 4500 AC e deixaron unha cultura que mezcla o telurismo co cultivo do agro q nos conforma hoxe en día definíndonos coma galegos..se algún día te preguntas q nos fai diferente os demais da península entón deberías subir a Monte Seixo e escoitar o vento

1 CranioF

Como lirismo non estará mal. Igual que os cien cañones por banda viento en popa a toda vela. Pero se o feito diferencial de Galicia é o vento do monte Seixo, apaja e vámonos, (gargallada monumental).

2 kaliel

o feito diferencial de Galicia é a diferente maneira q temos de relacionarnos coa nosa terra e unha cultura máxica onde o territorio, a muller, o sagrado é particular e diferente...o noso campo cultivado na sua totalidade non o encontrarás no resto da península e iso ven dun pasado castrexo e suevo q nos diferencia do pasado guerreiro visigótico castelán aun visible hoxze en día...son maneiras diferentes de habitar a terra e por moito q cambien os tempos hai demasiadas diferencias e todas elas veñen do pasado o feito de descoñecelo so trae consigo desarraigo nada favorecedor....e non é lirismo...é idiosincracia e maneira de ser dun pobo único e antigo

3 kaliel

eu non subín o monte Seixo...prefiro buscar Nemetóbriga por Trives e perderme por Chandrexa de Queixa..Olimpos galegos coñezo moitos...pero en todos se pode apreciar a mesma Galicia...so hai q sentila e ter un pouco de coñecemento de como se habitaba antes esta terra...ppal elemento diferenciador apreciable hoy en día...é a manerira en q o galego ocupa e se relaciona co seu territorio...o minifundismo ñe riqueza...fala dun pasado onde calquera tiña para comer e para beber...e non precisaba señor...lástima a opresión de Castela en comunión coa Igrexa

4 Iria

CranioF: ti, ter, teras cranio, pero miolos non, que teslle unha monomanía fóbica a todo o celta que dá moito que pensar.Lee un pouco ou simplemente non opines sobre cousas que te superan...

5 CantoFato

Non podería estar máis de acordo con Iria. É aparecer a palabra "celta" nunha noticia, e parece que para certa xente xa todo canto aparece na noticia debe ser condenado, anatemizado e sobre todo ridiculizado, porque parece ser que queda moi "progre" e "provocador" e "iconoclasta". Mesmo cando se trata de lugares que, como o Seixo, teñen un valor etnográfico indiscutíbel e que, de non aparecer o adxectivo "celta" polo medio, xa estarían facendo roteiros para coñecelo e demais trangallada. Mágoa de paletiños. Éche ben triste ser así.

6 CantoFato

Non podería estar máis de acordo con Iria. En canto aparece o adxectivo "celta" nunha noticia, xa parece que todo canto contén esa noticia debe ser condanado, anatemizado e ridiculizado, porque queda moi "progre" e moi "provocador" e moi "iconoclasta", claro. Aínda que se trate dun lugar como o Seixo, cunha riqueza etnográfica indiscutíbel. Mais parece que, cando anda polo medio Pena Granha, xa hai que sospeitar por defecto que todo é unha invención... que digo sospeitar? Dálo por sentado automaticamente! Se non estivese o "celta" polo medio, esa mesma xente xa estaría reivindicando o Seixo n'A Nosa Terra, facendo roteiros pra dalo a coñecer e "as de dios". Éche o que hai, éche ben triste ser así. Mágoa de paletiños.

7 Roel

diez cañones, "diez cañones y el viento a toda vela". Hai que leer un pouco máis aos clásicos do s. de Ouro.

8 CranioF

Do século de Ouro? Pero se é de Espronceda, coetáneo de Pondal. Século XIX.

8 mansdodemo

Nas antigas terras que o arrodean, atópase o SEIXO. Eu penso, creo e coñezo o SEIXO. Un lugar cheo de maxia, de clima duro e de brétemas engaiolantes. Poboado por seres e animais descoñecidos. Cheo de pedras con moitos séculos ao seu lombo e que adoita elevar ao máis aló o cerne do espíritu dos humanos.

1 mansdodemo

Ao chegar alí, a fé nos VALORES auténticos, medra, e muda en realidade.....é, a enerxía telúrica ou desapego do mundo, cunha forza grande e immaterial. Esta forza, non pertence a nengumha relixión......, é unha superatracción do monte SEIXO, da súa maxia.

2 CranioF

O que dixo Manoliño, ti és o de Ratikulín ¿non sí?. Ollo cos cogumelos alucinóxenos, producen serias alteracións das sinapses serotonérgicas.

3 mansdodemo

Onde non hai máis.....¿que se vos pode pedir?.