O desentullo da zona de Tui (Pontevedra) afectada pola explosión será abordado nunha reunión o vindeiro venres

É unha das decisións do gabinete de crise, xunto á convocatoria da xunta local de seguridade

Santiago de Compostela | 02/06/2018 | Actualizada ás 16:30 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O desentullo da zona de Tui (Pontevedra) afectada pola explosión de pirotecnia será abordado nunha reunión de coordinación o vindeiro venres 8 de xuño.

Reunión do gabinete de crise
Reunión do gabinete de crise | Fonte: Europa Press

En concreto, ese día, ás 9,00 horas, técnicos do Concello de Tui, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia establecerán a liña a seguir para acometer estes labores.

Será un encontro de carácter técnico con apoio político, segundo explica o Consistorio a través dunha nota de prensa, no que se abordará desde o tratamento dos entullos, algúns contaminantes como a uralita, e o plan de traballo.

Tamén se buscará cuantificar o importe dos traballos necesarios, "fixando así unha folla de ruta clara". Este foi un dos acordos do gabinete de crise reunido durante algo máis de dúas horas no centro de afectados con presenza do Concello, Deputación, Xunta e Goberno central, así como da plataforma de afectados de Paramos.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, presidiu a xunta, na que estiveron presentes todos os grupos políticos da corporación municipal, o deputado Carlos López Font e Santos Héctor, por parte da Xunta o delegado territorial José Manuel Cores Tourís, e o responsable territorial de vivenda, José Luís Díez, o deputado autonómico, Moisés Rodríguez, e a subdelegada do goberno en funcións, Ana Ortiz, xunto a distintos técnicos.

"TODOS CUNHA VIVENDA ASIGNADA"

Na cita deste sábado tamén se acordou a convocatoria dunha xunta de seguridade extraordinaria. Por outra banda, "todas as familias afectadas pola explosión que foron reacollidas nun establecemento hostaleiro teñen xa asignada unha vivenda á que trasladarse", indica o Consistorio.

"Algunhas delas xa ocuparon ao longo desta semana a nova casa, e as restantes están en proceso ou a piques de trasladarse", segundo engade.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta