Muller e cinema: Cando a muller fala coa súa voz e a través do seu corpo

GC acudiu á proxección das curtas Cruz Piñón, Fisterra, carne de safari e Las filanderas e conversou coas súas directoras na segunda sesión de Etnografía, muller e cinema da 13º MICE.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 07/06/2018 | Actualizada ás 22:35

Comparte esta noticia

Muller, memoria, identidade, territorio... son palabras que este mércores envolveron a sala do Teatro Principal nunha xornada dedicada á etnografía, á muller e ao cinema. O mundo pode verse e entenderse dende moitas perspectivas. Non hai dúas persoas que miren igual. Pero o certo é que adoitamos ver a vida a través dunha mirada e unhas directrices masculinas porque son as dominantes no patriarcado. Toda a historia do cine e da pintura constata isto: as personaxes femininas sempre tiveron un papel pasivo, ou activo pero negativo; e ben sabemos que sempre se retrataron moitos máis espidos de mulleres ca de homes. A arte ía dirixida a eles.

Olaia Sendón, Cruz Piñón, Xisela Franco e Ánxela Caramés no Teatro Principal
Olaia Sendón, Cruz Piñón, Xisela Franco e Ánxela Caramés no Teatro Principal

E este mércores rachouse con todos estes patróns. Mulleres cineastas como Estíbaliz Sádaba, Olaia Sendón e Xisela Franco, e artistas como Cruz Piñón, conseguiron ensinarnos outras realidades e outras maneiras de comprender a vida. Ánxela Caramés, a coordinadora do espazo, sente ilusión e honra por ser convidada a organizar este programa. "Interesábame trazar pontes entre o feminismo, a arte contemporánea e o cinema. Penso que toda muller que decida coller a cámara e ser directora merece o noso recoñecemento". 

Os roles seguen estando hoxe moi codificados. O posto de director está dedicado fundamentalmente ao home. "Por iso é importante amosar filmes realidados por mulleres, porque mostran outros imaxinarios. Aínda que os xéneros sempre se poidan trascenser, nós estamos acostumadas a facer ese esforzo de identificación co personaxe masculino diante da pantalla. Non temos á muller que nos represente". Ánxela fala con claridade e convicción. A mesma que onte mostraban o resto de mulleres alí presentes.

Esta é a vida vista por outros ollos e outros corpos: Cruz Piñón, de Xisela Franco; Fisterra, carne de safari, de Olaia Sendón, e Las filanderas, de Estíbaliz Sádaba. "As tres pezas, tan diferentes entre si, poden facer un retrato poliédrico e moi axustado do rural", pensaba Olaia. E é que onte, o Teatro Principal foi observador privilexiado da nosa historia e da nosa identidade capturada en imaxes.

CRUZ PIÑÓN: A MULLER DE TODOS OS TEMPOS

Fotografía tomada durante a rodaxe de Las Filanderas
Fotografía tomada durante a rodaxe de Las Filanderas | Fonte: MUSAC

Xisela Franco, a súa directora, é moi consciente de que "o cinema é unha maneira de coñecer o mundo e coñecer xente". Grazas ao proxecto da Chanfaina'lab, un encontro de cineastas galegos e galegas en San Sadurniño convidados a iniciar novos proxectos alí, Xisela coñeceu a Cruz Piñón, unha muller traballadora do campo e creadora e artista. "Eu coñecinte unha tarde e xa marchei contigo. Dende aquela temos unha amizade moi bonita", dicía Xisela mirando a Cruz con ollos cómplices. “Amor puro”, complementa Cruz.

Tal foi o cariño inmediato entre elas que dunha tarde para outra, sen guión e de improviso, puido nacer a curtametraxe Cruz Piñón (2015). A través dunha composición visual moi orixinal, esta curta conta a historia, case de amor e moi verdadeira, entre esta muller valente e empoderada e a Internet. Un día, Cruz aprendeu a abrir outras xanelas diferentes ás da súa casa e descubriu un mundo novo ante os seus ollos. “A Internet ensinoume outra realidade diferente, conectoume co mundo e aprendeume cousas que non sabía nin que existían”. E así, pouco a pouco, comezou coas manualidades e a pintura… e agora mesmo é youtubeira.

Todo comezou nunhas clases de informática organizadas por Carmen Nieto na Aula CEMIT. De aí xurdiu Fálame de San Sadurniño, un proxecto colectivo dos veciños e veciñas do lugar. Pero ademais, Cruz tamén forma parte destoutro proxecto: Teño unha horta en San Sadurniño, creado por un grupo de mulleres totalmente youtubeiras que ensinan os seus quefaceres cotiás na súa canle. “Hoxe Cruz ten seguidores en todas as partes do mundo. É bonito ver como na peli di: ‘eu agora querería aprender a facer vídeos, hanme de saír ben...’ e agora xa nin damos levado a conta dos premios que ten”.   

“Miña nai váisenos das mans, que se youtubeira… que se chanfaina… non para na casa!”, di Cruz parafraseando a súa filla. O certo é que recibe o apoio de toda a familia, e sobre todo do seu home, que a acompaña sempre. Dende que estrea da curta Cruz Piñón, a esta muller "fíchana seguido". De feito, agora ten entre mans unha web serie de ficción onde participarán todas as mulleres de Teño unha horta. Non podía ser menos: “Cruz é unha muller creativa, con frescura, que rompe moldes. Non mostra esa idea romántica e estática do rural, racha con todos os estereotipos”. Os ollos de Xisela só miran para esta muller de todos os tempos, da tradición e a modernidade combinadas.

FISTERRA, CARNE DE SAFARI: TERRITORIO HABITADO E IDENTIDADE

Cunha metáfora entre o mar e o ventre materno, entre os peixes e as persoíñas que están por nacer. Así comeza Fisterra, carne de Safari, toda ela poesía para os ollos e a mente. A súa directora, Olaia Sendón, quixo facer “un percorrido polo territorio xeográfico da miña infancia, ese espazo vital que eu sinto máis meu, para explicarllo a través de contos a ese neno que vai nacer”.

A piques de comezar a rodaxe, Olaia quedou embarazada de Xandre e a idea que tiña na cabeza mudou lixeiramente: tivo que facerse cunha cámara menos pesada para poder moverse polas rochas e as praias de Sardiñeiros; e ademais, quixo facer partícipe ao filme desas novas sensacións que estaba experimentando co embarazo. A súa maior inquedanza era ensinarlle ao seu neno a ser peixe nese océano protector. Igual que o fora antes a barriga da súa nai.

Quería traballar en relación co territorio habitado. “É fácil deixarse levar pola potencia da paisaxe máis ca pola potencia do territorio. A Costa da Morte é unha zona moi retratada e espectacular, pero a min a paisaxe non me interesaba máis que como aloxamento para a xente que vive nese espazo”. Con esta intención, Olaia axudouse de personaxes reais que son parte dela. Van camiñando de costas e aos poucos van construíndo historia. Son imaxes todas elas moi coidadas visualmente e moi evocadoras. Palmira e os seus “xigantes” barcos de papel, o crebeiro Barreras, que “sen a mar afoga”, o avó Sendón e as súas piraguas do milríos, ou o home que dá chimpos polas rochas... son os protagonistas deste conto tan íntimo e persoal.

Recuperar historia e memoria, reafirmar identidades. Iso fixo Olaia Sendón, rodeada de amigos e xente coñecida. “Foi unha rodaxe cómoda e agradable”, aínda que tendo presentes as dificultades da conciliación laboral e familiar. Olaia cre que “fai falta redefinir o papel de nai. Non defendo, por exemplo, a lactancia eterna. Hoxe en día sigo escoitando cousas que me remiten ás miñas avoas e iso dáme moito medo”.

Se ben aínda queda moito camiño por andar, a curta Fisterra, carne de Safari conseguiu dar pasos cara o fronte e a nós tamén nos empurrou con ela.

LAS FILALDERAS: MULLERES QUE CREAN COMUNIDADE

Estoutro filme proxectado, da directora Estíbaliz Sádaba, fala da dificultade histórica da relación das mulleres co espazo público. Foi feito en colaboración co MUSAC (Museo de Arte Contemporáneo de Castela e León) e as súas protagonistas son mulleres que traballaron toda a súa vida como fiandeiras. Coñecen ben o labor e a tradición.

Daquela, as mulleres non só fiaban a la arredor dos apeiros que precisaban, tamén fiaban amizade e complicidade. Xuntas facíanse fortes porque creaban comunidade. A cohesión que xurdía entre elas era irrompible: queríanse e coidábanse a si mesmas. Pero aqueles tempos xa son pasado. Hoxe en día quedan poucas prácticas sociais que nos poidan unir tanto, mais sempre teremos na memoria o noso pasado grazas a filmes coma este.

Las filanderas conta a historia de moitas mulleres, unha historia silenciada e pouco valorada, pero que merece ser escoitada. As fiandeiras merecen que ver recoñecido o seu mérito porque son parte do que hoxe somos nós, da nosa identidade. Tiñan unha capacidade brutal para ensinar de maneira didáctica todo aquilo da vida cotiá, do día a día, e de seguro estes coñecementos son os que máis precisamos para levar unha vida digna.

“Todas as historias deben ser contadas para que existan. A historia das fiandeiras debe ser contada para que exista. Mentres as mulleres non retomemos a voz para falar das nosas propias vivencias a través do cinema, da literatura, da filosofía... seguiremos sen existir”. Con estas palabras Xisela recolleu no final da sesión o sentir de todo o Teatro Principal. Unha sesión que nos deu moitas leccións de vida: a existencia dun rural vivo, fresco e empoderado que debemos conservar sempre, a necesidade de comprometernos co espazo que habitamos, e a obriga, xa só por respecto ás nosas devanceiras, de non esquecer nunca a historia.

Cruz Piñón, protagonista da curtametraxe
Cruz Piñón, protagonista da curtametraxe | Fonte: Xisela Franco
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Luisa

A muller, esa gran heroína, sempre na sombra. Cando será o momento de que chegue a luz para todas nós. Graciñas pola reportaxe.