Case 1,5 millóns de vehículos pasaron a ITV en Galicia en 2017 e o 72% aprobou a primeira inspección

A idade media do parque móbil en Galicia ascende a 16 anos, dous máis que a media española

VIGO | 18/06/2018 | Actualizada ás 14:50 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Case 1,5 millóns de vehículos sometéronse o ano pasado á inspección técnica de vehículos (ITV) en Galicia, dos que o 71,89 por cento obtivo informe favorable na primeira visita, segundo os datos da memoria de 2017 presentados este luns por responsables de SyC-Applus+ na sede do Centro Tecnolóxico da Automoción (CTAG), no Porriño (Pontevedra).

Presentación da memoria de 2017 da ITV
Presentación da memoria de 2017 da ITV | Fonte: Europa Press

Segundo sinalou Alberto Zaldive, adxunto á dirección xeral de SyC-Applus+, o número de inspeccións rexistrou un incremento interanual do 3,2 por cento motivado, entre outras cousas, polo envellecemento do parque de automóbiles e por "unha maior concienciación" sobre a emisión de gases contaminantes.

Ademais das inspeccións periódicas obrigatorias, a maioría realizadas a turismos (71 por cento), as instalacións da ITV, 26 nas catro provincias galegas, rexistraron o pasado ano outras 40.808 inspeccións extraordinarias.

Do total de inspeccións periódicas, case o 72 por cento foi favorable na primeira visita, mentres que obtivo o visto e prace o 88,9 por cento dos vehículos na re-inspección. O índice máis alto de informes desfavorables foi o relativo aos vehículos de mercadorías (sumando os de transporte lixeiro e pesado).

DEFECTOS NOS VEHÍCULOS

Por outra banda, das infraccións detectadas nas inspeccións, contabilizáronse 1,2 millóns de faltas leves, mentres que houbo 756.415 faltas graves. Entre esas infraccións graves, segundo explicou Zaldive, están as relacionadas coa seguridade dos vehículos e da condución, e destacan, por número, os fallos na iluminación e sinalización (os máis frecuentes); os problemas nos freos; e os fallos que afectan a eixos, rodas, pneumáticos e suspensión.

Con respecto aos problemas de emisións contaminantes, o portavoz de SyC-Applus+ explicou que a incidencia aumentou nos últimos anos, en parte, condicionada polo feito de que existe unha nova lexislación, máis esixente, desde 2016. Así, cifrou nun 2 por cento o aumento de vehículos "rexeitados" na ITV por este motivo, sobre todo turismos e vehículos de mercadorías lixeiros.

Finalmente, con respecto á idade media do parque de vehículos en Galicia, a memoria anual de SyC-Applus+ recolle que a idade media dos devanditos vehículos é de 16 anos, dous anos por riba da media española. Os buses son os transportes con menor idade media (11 anos), mentres que a idade media dos vehículos agrícolas ascende até os 28 anos.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta