Vigo | 27/06/2018 | Actualizada ás 16:00 por EUROPA PRESS
A Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (Arvi) e Abanca renovaron o seu compromiso co Festival Arvi do Peixe, Vigo SeaFest, no que a entidade financeira reforza a súa aposta innovadora co desenvolvemento dunha aplicación de móbil, un sistema de pago electrónico, e un espazo tecnolóxico no que se celebrará unha regata telequinésica e estará o robot 'R4'.
O xerente de Intelixencia de clientes e CRM de Abanca, Juanjo González Serrano, indicou que, no marco do festival e da aposta por lanzar novos servizos dixitais, Abanca creou a aplicación de móbil 'Vigo SeaFest by Abanca', na que se poden consultar ofertas, a localización das casetas, recibir promocións e descontos e acceder ao moedeiro dixital para realizar pagos.
"É moi sinxeliña, moi intuitiva; pensamos que pode dinamizar moito a actividade do festival e dar unha experiencia distinta", sostivo. O director de Innovación de Abanca, Eduardo Aldao, agregou que xa o pasado ano implantaron a ferramenta dixital de pago dentro do festival, aínda que este ano a aplicación permitirá "mellorar a experiencia de todos os visitantes".
A maiores, indicou que durante o festival Abanca vai montar un espazo tecnolóxico, no que estará presente 'R4', un robot humanoide que "vai orquestrar toda a zona de innovación"; celebraranse regatas por telequinese, unha especie de 'scalextric' con barcos que "se manexan coa mente"; e, da man de Samsung, haberá un simulador de realidade virtual.
"Encántanos colaborar con Arvi, cada vez ponnos retos máis complicados que nos permiten darnos capacidade de innovación", remarcou Aldao, antes de engadir que "innovación non só é o que se conta, tamén o que se toca e se ve".
Acto seguido, o director técnico do Vigo SeaFest, Alberto Alonso, eloxiou a Abanca porque "recolleu todas as luvas que --lanzaron--" no festival. "O ano pasado o reto era complicado, e fixérono ben e desenvolveron unha gran aplicación que nos anima a repetir este ano", apuntou, chamando a "tratar de pasalo un pouco mellor" nesta edición, que se celebra na zona Náutico de Vigo do 5 ao 8 de xullo.
ABANCA, ARVI E A PESCA
O director territorial de Abanca en Vigo, Jorge Martínez, manifestou que "son moitos os anos nos que --Abanca explorou-- opcións de financiamento adaptadas ao sector" pesqueiro, un marco no que lle "agrada ver que as empresas, as confrarías e cooperativas como Arvi senten que Abanca é imprescindible para calquera iniciativa que lanzan".
Así, xa en concreto sobre o festival, trasladou a súa convicción de que esta edición "vai ser todo un éxito e proxectará unha magnífica imaxe ao exterior tanto de Vigo como de Galicia". "Desexar que a cifra de visitantes dea o broche de ouro a esta edición, porque o traballo que fixemos foi fantástico e moi interesante", selou.
Pola súa banda, o presidente de Arvi, Javier Touza, recoñeceu que Abanca caracterízase pola súa "aposta por un territorio, Galicia, e especialmente polos sectores que, dende un punto de vista socioeconómico, considéranse claves para o desenvolvemento --deste-- territorio", entre eles a pesca.
Nesta liña, após destacar que Abanca está "absolutamente especializada nas necesidades" das frotas, remarcou que esta entidade financeira é "un socio estratéxico" para Arvi porque para este festival buscaba apoios con "connotacións claras de galeguidade, unido á proxección internacional, estreita vinculación co territorio e responsabilidade social corporativa".
Así mesmo, indicou que tamén apostaron pola "fusión entre o aspecto tradicional que caracteriza á actividade pesqueira galega, con este enfoque de modernidade, de I+D+i, de vangarda". "Por iso nesta segunda edición queriamos ter un espazo á innovación dende o punto de mar industria. Grazas á colaboración con Abanca isto vai se é posible", proclamou.
FESTIVAL VIGO SEAFEST
Touza tamén se referiu a que o Vigo SeaFest é un evento "absolutamente pioneiro, a nivel mundial", pois non coñece "outro festival enfocado basicamente a destacar calidade e variedade" dos produtos pesqueiros, "en fusión con chefs e dentro dun ambiente lúdico festivo e con talleres" para nenos e familias.
O xerente de Arvi, José Antonio Suárez-Chairos, despois de agradecer a colaboración de Abanca e os seus produtos de innovación, engadiu que o festival xurdiu porque "se están perdendo xeracións de consumidores de peixe". "Por iso un dos principais obxectivos do festival é recuperar estas xeracións que practicamente deixaron de comer peixe", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.