Cualifican de "vergonzosa" a resposta do Sergas ao informe contra os métodos do psquiátrico de Conxo

O Movemento Galego da Saúde Mental critica o comunicado enviado aos medios pola Xerencia de Santiago no que resta valor ao informe realizado por técnicos do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura para o Defensor del Pueblo, sobre as condicións deste hospital psiquiátrico.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/06/2018 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

"Unha resposta vergonzosa". Así de contundente é a valoración que fai o Movemento Galego da Saúde Mental da resposta ofrecida pola Xerencia de Xestión Integrada de Santiago sobre a situación que se vive no Hospital Psiquiátrico de Conxo, onde un informe do Defensor del Pueblo detectou importantes eivas que comprometen os dereitos e benestar dos doentes ingresados.

Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela
Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela

O informe, realizado por técnicos do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, identificou, entre outras cousas, sobremedicación de psicofármacos, inadecuada utilización da inmobilización de pacientes con sistemas de suxeición como castigo, carencia xeral de recursos asistenciais, instalacións obsoletas, infradotación de profesionais sanitarios básicos como son os psicólogos clínicos ou o inadecuado rexistro e documentación de actuacións.

Porén, o Sergas restou valor a este informe e as deficiencias e malas praxes detectadas e asegurou que se baseaba en información "incompleta".

O Movemento Galego da Saúde Mental considera "inconcebible" que a resposta a ese informe se produza por un órgano do nivel administrativo dunha Xerencia de área sanitaria ante os medios de comunicación e como reacción á súa difusión pública. Recorda, ademais, que o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura dá conta da súa actividade ante as Cortes Xerais e ante o Subcomité da ONU para a Prevención da Tortura, e a súa misión inscríbese en obrigas legais contraídas polo Estado Español mediante unha Convención internacional.

Por isto, argúen que "a inexistencia dunha resposta desde o máximo nivel da Xunta de Galicia (a Presidencia ou, no seu defecto e no seu nome, a Consellería de Sanidade) é unha desconsideración inaceptable de compromisos de nivel internacional do Estado Español que supón un desprezo da cuestión que regulan eses compromisos (a prevención da tortura e dos tratos inhumanos e degradantes a persoas que se atopan internadas en institucións co conseguinte risco para o respecto aos seus dereitos)".

Neste senso, denuncian que os responsables do Goberno autonómico "desconsideraron a Institución interpelante e non trataron coa importancia que merece a cuestión que motivou a súa inspección", dando unha "resposta aos medios de comunicación elusiva de responsabilidade, enmascaradora dos feitos máis graves e falseando datos obxectivables".

O Movemento Galego da Saúde Mental tamén censura as "vaguidades e respostas inconcretas" que deu a Xerencia ante este informe: "Máis que informar, parecen feitas para protexerse dunha posible esixencia de responsabilidades", critican.

Así, consideran "chamativo que se diga que o protocolo de contención se atopa en revisión, igual que o de prevención do suicidio ou os sistemas de vixilancia, ou que as obras no centro son constantes". Desa maneira, proseguen, "evítase calquera tipo de valoración pública ou información á cidadanía sobre a garantía para os dereitos dos pacientes en materia de gran relevancia".  Pero "tamén se evita responder á situación da tutela de dependencia pública que, se fose eficaz, sería un instrumento protector fundamental dos dereitos das persoas ingresadas", detallan.

Nas súas críticas tamén salientan as "obviedades" nas que incorre a Xerencia na súa resposta ao informe, "como a de que as indicacións das medicacións dependen dos facultativos médicos, cando non podería ser doutro xeito", sinala o Movemento Galego da Saúde Mental.

Con todo, "se recoñece a existencia da suxeición química e non se nega a inxustificable utilización (como castigo, segundo o informe), sen os controis e rexistros esixibles, da suxeición mecánica", salientan.

"FALTAN Á VERDADE"

O Movemento Galego da Saúde Mental acusa a Xerencia de Santiago de "faltar á verdade" cando se di que os recursos profesionais existentes son os adecuados e se corresponden co indicado en "estándares consensuados". Neste senso, "nin sequera se fai explícito de que estándares consensuados se está a falar; polo contrario, se tomamos como referencia os documentos producidos na Consellería de Sanidade ao longo da súa historia nos que se planifican os dispositivos asistenciais públicos para a atención á saúde mental en Galicia, constátase a chamativa carencia nas dotacións", evidencian.

Para os denunciantes, a carencia de profesionais "é manifesta" e estiman que "para que o Hospital Psiquiátrico de Conxo poida cumprir na actualidade a súa misión rehabilitadora e non a predominantemente asilar que realiza e que é propia de épocas moi lonxanas (tempos sociais, políticos e sanitarios pre-reforma psiquiátrica) necesitaría, segundo as indicacións técnicas, aumentar os seus cadros de persoal coas seguintes dotacións profesionais: 3 psiquiatras, 7 psicólogas/os clínicas/os, 23 enfermeiras/os , 8 TCAE, 4 terapeutas ocupacionais e 2 traballadoras/es sociais".

Nesta liña argumentativa, avisan de que Conxo "necesita ser reforzado profesionalmente e orientado con decisión cara á rehabilitación das persoas que atende, xunto cun firme compromiso nese sentido dos responsables da Consellería de Sanidade e da Xerencia de Xestión Integrada da área, e tendo como centro e guía dese proceso o respecto e defensa dos dereitos das persoas". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta