O viño da Ribeira Sacra está de festa

Hoxe comeza o II Festival do Viño da Ribeira Sacra, un encontro cos mellores caldos da zona pero tamén unha oportunidade para facer rutas enolóxicas, gozar da gastronomía, da artesanía e a música.

Por X.M. Fernández | Monforte de Lemos | 06/07/2018 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

Tras a cata dos viños da Ribeira Sacra que organizou o Consello Regulador da Denominación de Orixe esta mañá e a correspondente entrega de premios no Parador de Monforte tras a comida de confraternidade, as autoridades presentes inaugurarán ás 18:30 h. o II Festival do Viño no Paseo do Malecón. O evento alongarase ata o domingo ás 14:00 h.

Inauguración do I Festival do Viño da Ribeira Sacra (2017). Fonte: Consello Regulador
Inauguración do I Festival do Viño da Ribeira Sacra (2017). Fonte: Consello Regulador

O devandito Paseo do Malecón transcorre a carón do río Cabe e todo o mundo coincide en que a localización foi unha gran elección, tanto pola amplitude do espazo para poder camiñar polos diferentes postos das adegas como pola sombra das árbores e a proximidade do río. Ademais, o espazo permite gozar dos outros atractivos da mostra, postos de artesanía e gastronomía. Dado o éxito do ano pasado tamén haberá obradoiros infantís para os máis pequenos (olería, obradoiro sensorial, conta contos e manualidades) sábado e domingo, este último día só en horario de mañá.

Tamén se manteñen este ano as ofertas enoturísticas con diferentes “viño rutas” dende hoxe venres ata o sábado tarde. Itinerarios deseñados exclusivamente para esta edición nos que se visitarán diferentes adegas e se gozará de recunchos pouco coñecidos dos ríos Miño e Sil; pero tamén se viaxará ata terras de Quiroga pasando pola Pobra do Brollón para coñecer as Adegas de Vilachá ou o Miradoiro da Capela. Xa en Quiroga, coñecerase de preto a cultura do aceite na zona visitando un muíño e unha empresa que comercializa este ouro verde.

24 serán as adegas presentes este ano, adegas que queren aproveitar este interesante escaparate para dar a coñecer e vender moitas botellas de viño a veciños da zona e aos numerosos visitantes que se esperan aproveitando esta fin de semana de bo tempo.

Outro dos pratos fortes da programación do II Festival do Viño da Ribeira Sacra son os concertos, atractivo musical para as noites de hoxe venres e mañá sábado na Praza España de Monforte de Lemos, a tan só 5 minutos do recinto feiral. Hoxe venres a partir das 22:30 h. actuarán Najla Shami e Sons do Douro e mañá sábado á mesma hora Davide Salvado con Pedro Pascual e a continuación A Banda da Loba.

Concertos Pza España, edición 2017. Fonte: Consello Regulador
Concertos Pza España, edición 2017. Fonte: Consello Regulador

Fan posible este evento o Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra e o Concello de Monforte de Lemos.

Artesanía en madeira de oliveira Armaior
Artesanía en madeira de oliveira Armaior | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta