Mellor saber do que se fala

De camiño a Vigo dende Lugo, coa radio do carro sintonizada en Radio 3 como case sempre, posta de fondo aos meus pensamentos. Vou escoitando unha entrevista coa que debe ser unha directora de documentais, de acento centroeuropeo, pero polo que vou sabendo asentada dende hai anos en Baleares. Fala do seu traballo en distintos países de Asia, de África e de América. Nun momento dado o locutor, ao que tiña por persoa culta, fai unha pregunta que soa a afirmación: “Porque a calidade de vida está no Sur…”. A entrevistada asinte, e o que era unha entrevista que parecía interesante convértese no repertorio dos típicos tópicos: o sorriso dos nenos, o compartir das xentes, a vida na rúa, as cores dos mercados…

Por Emilio Martinez | Lugo | 23/07/2018

Comparte esta noticia
Pero non. A calidade de vida non está no Sur. Dicir iso, simplemente pensalo, é un insulto tanto para as persoas que viven, e en moitos casos malviven, no Sur, como un insulto para a razón.
 
“A calidade de vida está no Sur” só pode ser dito por quen non vive no Sur, por quen vai ao Sur de visita, en calquera das súas modalidades. Que a calidade de vida está no Sur o pode dicir un cidadán do Norte, que se pode aloxar nun barrio acomodado, nun hotel de estrelas e viaxar con seguro internacional. Que a calidade de vida está no Sur o pode dicir quen vai estar nese Sur un par de semanas, un mes, un par de meses, e logo volta á súa rutineira vida do Norte.
 
Que é para cada un de nos calidade de vida?. Seguramente haberá variacións nas respostas, xa que cada un ten uns valores diferentes. Para min a calidade de vida é acordar un sábado coa miña compañeira e almorzar xuntos, e logo ir á praza de compras e atoparnos con algún amigo para ir tomar o vermú, e conseguir non preocuparme nada do traballo que de seguro me agarda o luns no despacho. Pero seguramente todos e todas estaremos de acordo que sen algunhas cousas a calidade de vida non existe: por exemplo seguramente para nós non sería calidade de vida vivir nun lugar sen auga corrente e que cada mañá teñamos que camiñar un par de quilómetros para encher un balde, e nin falar da ducha diaria en auga ben quentiña. Seguramente non será calidade de vida ter apenas que comer. Seguramente tampouco será calidade de vida que unha muller teña dez veces máis probabilidades de morrer durante o parto que unha muller galega, ou que o neno que nace teña moitas probabilidades de morrer antes de cumprir o ano de vida. Tampouco será calidade de vida que o médico mais próximo este a varios quilómetros ou que apenas teña material co que atendernos, non será tampouco calidade de vida que apenas haxa escolas, ou non será calidade de vida que o feito de nacer muller signifique unha exclusión case total da vida social e política, por non falar da inexistencia dos seus dereitos sexuais,… e podería seguir co listado de cousas, que para nós son normais, que forman parte da nosa vida diaria aínda que non nos decatemos: a luz eléctrica, os servizos de limpeza, unha seguridade bastante satisfactoria, unhas infraestruturas correctas, aínda que mellorables (desde o noso punto de vista de cidadáns do Norte)… Todo iso que da forma á nosa calidade de vida nunha sociedade medianamente rica, aínda que non sexa o primeiro no que nos lembremos cando pensamos en calidade de vida, todo aquelo, como educación, servizos públicos, sanidade, seguridade… do que carecen as persoas que viven no Sur. Que de verdade viven no Sur.
 
Dicir que a calidade de vida está no Sur é rirse na cara de quen se xoga a vida cruzando medio continente africano para logo voltar a xogala cruzando o Mediterráneo. Ou de quen se xoga a vida en tantas outras fronteiras. É rirse na cara dos mortos. É rirse de quen prefire correr riscos inimaxinables para nós antes que vivir en lugares nos que carecen de todo, de todo o material, é tamén da esperanza de alí ter un futuro mellor.
 
O Sur necesita apoio para deixar de ser Sur, no senso económico, social e político. Necesita apoio, a solidariedade de persoas e países, para desenvolver as súas inmensas posibilidades, para crecer de xeito sostible, necesita colaboración para fortalecer a sociedade civil e as institucións, erradicando a corruptos e corruptores, necesita democracia real para poder ser dono do seu futuro. 
 
E algún día tal vez podamos dicir, sen que sone a frase de recheo, ou a postureo cultureta, que a calidade de vida está no Sur, e nos morramos de envexa, nós cidadáns do Norte, polo son da súa risa que transforman en música, pola fermosura das colores da súas roupas e tamén pola calidade das súas escolas e universidades, dos seus hospitais ou dos seus servizos públicos.
 

O rei Juan Carlos nunha cacería de elefantes en África
O rei Juan Carlos nunha cacería de elefantes en África | Fonte: Rann Safaris
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.