Temas: TAXI FOLGA

O sector do taxi en Galicia volve este mércores á normalidade tras xornada e media de folga

As protestas terminan tras as mobilizacións do martes, nas que un centenar de taxistas percorreron cos seus coches as rúas de Santiago.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 01/08/2018 | Actualizada ás 11:50

Comparte esta noticia

O sector do taxi en Galicia volveu á normalidade este mércores despois de que ás 00,00 horas finalizase unha folga que se estendeu durante día e medio, desde o mediodía do luns. Segundo confirmaron a Europa Press diversas fontes do sector, a volta ao traballo produciuse "moi tranquilamente" e fíxose efectiva despois do aviso de que non continuarían coas protestas na Comunidade galega. En Vigo, Santiago e A Coruña indican que o servizo nas cidades está a funcionar "sen problema ningún".

Taxi en Santiago de Compostela. Europa Press
Taxi en Santiago de Compostela. Europa Press | Fonte: Europa Press

Todo iso ao comezo dunha xornada na que representantes do sector se reúnen na Coruña, a partir das 10,30 horas, coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, antes de que a mandataria acuda á reunión da Conferencia Nacional de Transportes convocada polo Ministerio de Fomento, ás 18,30 horas en Madrid.

Finalmente, a folga concluíu en Galicia tal e como estaba prevista, ás 00,00 horas do mércores. Con todo, o xerente de Radio Taxi Compostela indicaba durante as protestas do martes que "todo dependía do que dixesen" os seus compañeiros de Madrid, que continúan coas reivindicacións tras finalizar sen acordo a reunión que mantiveron con Fomento este luns.

"QUE SE CUMPRA A LEI"

As reivindicacións na Comunidade galega culminaron coas mobilizacións en Santiago, coas que os taxistas demandaron ao Goberno central "que se cumpra a lei" en relación aos VTC, os vehículos de turismo con condutor, cos que queren competir "en igualdade de condicións".

Na actualidade, a normativa establece que por cada 30 licenzas de taxi haxa como máximo un vehículo de transporte concertado. No entanto, o xerente de Radio Taxi en Santiago de Compostela, Jesús García, cifrou que a proporción na capital galega é dun a catro ou mesmo cinco.

Ademais, tal e como indicou en declaracións aos medios, están pendentes de saír, pola vía xudicial, unhas 76.000 licenzas de VTC, algo que, segundo repetiron varios dos manifestantes, "sería o fin do taxi en España".

A iso súmaselle, segundo engadiu outro dos taxistas, Gonzalo Arias, que estes vehículos "non cumpren as normativas" porque "non están nas bases" que se lles asignan e "non teñen prezos regulados", polo que "poden cobrar o que lles dea a gana", asegurou.

"As consecuencias é que o problema o estamos tendo nós. Pasamos a facturar a metade do que estabamos a cobrar, e cada taxi é unha empresa que dá para comer a unha familia", expresou.

XORNADA DE PROTESTAS

Os condutores concentráronse cos seus coches no mediodía do martes nas inmediacións do Estadio de San Lázaro, onde debateron as protestas que desenvolverían. Sobre un centenar de membros do gremio acudiron desde varios municipios galegos para mobilizarse polas rúas compostelás.

Unha vez no Estadio de San Lázaro, o xerente de Radio Taxi, Jesús García, instou o resto de manifestantes a "ser cívicos" e "non dar a imaxe" de "violentos" como noutras cidades de España, onde algúns dos participantes nas protestas chegaron a agredir algúns VTC e mesmo a intimidar aos pasaxeiros do seu interior.

Pasadas as 13,00 horas se dirixiron ao complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta, para facer soar as súas bucinas. Deste xeito, e sen provocar problemas circulatorios en Santiago, accederon á Praza do Obradoiro por Xoán XXII, onde algúns dos taxistas aparcaron os seus vehículos para continuar cos cánticos e as pitadas.

Finalizadas as mobilizacións, acudiron ás súas habituais paradas de traballo para informar o seu cometido á cidadanía e aos taxistas que non secundaban as protestas.

O único momento de tensión viviuse cando un VTC saíu desde a Praza do Obradoiro sen colocar a sinalización que o identifica como un servizo público, de modo que a Policía Local procedeu a interceptalo ante as protestas dos taxistas.

Temas: TAXI FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 eusi

Estes protestaban coma fachas cando os demais nos manifestabamos, e agora colapsan arterias principais e mesmo agreden, disparan, botan ácido e pintan autos da competencia... e ninguén lle toca un pelo a estes privilexiados monopolistas. Asi funcionan as cousas aqui!