VIGO | 03/08/2018 | Actualizada ás 10:20 por EUROPA PRESS
Os servizos de emerxencia deron por extinguido o incendio que se declarou o pasado mércores nunha planta de reciclaxe de chatarra no Porriño (Pontevedra), segundo informaron fontes do 112 Galicia.
O incendio orixinouse nunha zona exterior de almacenaxe de chatarra á primeira hora da tarde do mércores e, aínda que non provocou feridos, si causou danos materiais, ao calcinar unhas 600 toneladas de residuos metálicos, segundo confirmou a propia empresa, Alumisel.
Un retén de bombeiros permaneceu até a pasada noite na zona para garantir a seguridade e atender pequenos puntos nos que aínda quedaba algún rescoldo, e para evitar que se reactivase o lume.
Os labores de extinción prolongáronse durante máis de 24 horas debido ao tipo de material incendiado, que ocasionou que se alcanzase unha elevada carga térmica. Así, após a mobilización de efectivos do primeiro momento (en que se activou o Protocolo ARIEM 112 de cooperación transfronteiriza), fóronse retirando os medios ao longo da xornada do xoves, unha vez controlado o sinistro e confinado o lume.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.