Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/08/2018 | Actualizada ás 11:15
Unha parte importante do cadro de persoal da CRTVG iniciou desde hai doce semanas os `Venres Negros´, actos de protesta para demandar a independencia e pluralismo dos medios públicos e rexeitar calquera intento de coartar as críticas das profesionais.
Unhas protestas que acaban de ser apoiadas polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) que valora o compromiso dos profesionais da CRTVG co dereito á información da cidadanía, “nun exercicio tan necesario como pouco habitual que evidencia o papel insubstibuíble dos medios públicos no noso espazo comunicativo”.
Nun comunicado, esta entidade suliña que reclamar o cumprimento da lei e defender os principios do servizo público “non só constitúe un dereito dos e das traballadoras da CRTVG senón unha obriga” como empregados públicos e como informadoras. Así, lembra que e ivas semellantes ás denunciadas na CRTVG -e recentemente en RTVE- afectan tamén aos medios de titularidade privada, “nos que resulta aínda máis difícil para os xornalistas cuestionar prácticas informativas incompatibles co código deontolóxico”.
Por iso, rexeita con toda contundencia calquera intento de coartar as “lexítimas” críticas das profesionais da información. “Exercer o dereito á discrepancia por compromiso coas obrigas profesionais non pode ser castigado nin supoñer unha condena ao ostracismo”, engade.
Neste sentido, lembra que a propia Lei dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia de 2011, en cuxo dilatado proceso de elaboración colaborou o CPXG, establece instrumentos de participacións dos traballadores como o longamente adiado Consello de Informativos. “Só o compromiso de profesionais e medios de comunicación coas obrigas deontolóxicas e co dereito á información pode recuperar a confianza da cidadanía no xornalismo como alicerce imprescindible dunha sociedade plenamente democrática”, conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.