SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2018 | Actualizada ás 20:10 por EUROPA PRESS
Dous tripulantes dunha embarcación de recreo que chocou cunha batea, ao redor das dúas da tarde, en augas próximas á praia de Liméns de Cangas (Pontevedra), foron evacuados e trasladados polos servizos sanitarios a un centro hospitalario.
Segundo informaron fontes de Salvamento Marítimo a Europa Press, o seu centro de Salvamento situado en Vigo recibiu ao redor das dúas da tarde unha chamada dos tripulantes do Veleiro Aries na que informaban de que avistaran a colisión dunha embarcación de recreo contra unha batea, na área de Liméns, en Cangas, e de que había dúas persoas a bordo do barco accidentado.
Tras recibir o aviso, Salvamento desprazou até o lugar á embarcación Salvamar Mirach, á vez que solicitou ao Veleiro Aries que permanecese no lugar.
A pesar de que inicialmente fontes de Salvamento informaran que á chegada do buque Mirach o veleiro xa lograra rescatar aos dous accidentados, posteriormente especificouse que foi a embarcación Mijo a que controlou a motora, tipo planadora, que estaba en marcha dando voltas, fixouna a unha batea e encargouse de trasladar aos feridos á praia de Liméns.
No lugar, os dous feridos, un pai e un fillo, foron atendidos polos socorristas e evacuados en ambulancia por efectivos sanitarios ao Hospital Álvaro Cunqueiro. Segundo indicou o 112 Galicia, tras recibir a alerta comunicouna ao Servizo de Gardacostas de Galicia e a Salvamento Marítimo, ademais de ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local, a Protección Civil de Cangas e á Garda Civil.
Pola súa banda, a Salvamar Mirach aproximouse á embarcación que estaba semiafundida nas bateas e procedeu a facer firme o remolque, de modo que puido trasladala até o porto de Cangas, ao redor das 15,50 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.