Nova edición do Festival de Poesía no Condado ao berro de "que nom te silenciem"

Ao longo dos seus 37 anos de historia, este festival que se celebrará de novo o sábado converteuse nun referente e nunha cita obrigada do mundo da cultura en galego.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/08/2018 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

As letras volven á Comarca do Condado. Este sábado, 1 de setembro, arranca unha nova edición do Festival de Poesía no recinto amurallado de Salvaterra de Miño a cargo da Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) do Condado. Coa de 2018 cúmprense 32 edicións desta festa da reivindicación e da palabra.

Música no Festival de Poesía no Condado
Música no Festival de Poesía no Condado | Fonte: Festival de Poesía

Ao longo dos seus 37 anos de historia -produciuse un pequeño parón entre 1995 e 2000- o Festival da Poesía no Condado converteuse nun referente e nunha cita obrigada do mundo da cultura en galego. Sempre preto da realidade social, cultural e política máis reivindicativa de Galicia, o Festival da Poesía é un berro arredor do que van xirar todas as diferentes actividades que a Sociedade Cultural e Deportiva prepara para o 1 de setembro.

Cada ano o festival artéllase en torno a un lema que serve de fío condutor. O Festival da Poesia 2018 berra "Que nom te silenciem". Segundo a organización, "esta frase busca ser unha declaración de intencións perante a deriva autoritaria e represiva que o Estado está a tomar nos últimos tempos, moi especialmente neste 2018, que nos lembra a épocas xa pasadas".

Neste ano, lembra a organización do Festival, "tivemos que convivir con multas a colectivos, con penas de prisión para artistas, con desaloxos de centros sociais, con secuestros de libros, coa represión exercida no chamado 'procés' e coa activación do artigo 155 da Constitución, coas penas de cadea por causas políticas, ataques contra a liberdade de expresión...". Así que esta cita serve para reivindicar as liberdades. 

AS ACTIVIDADES

A 32 edición do Festival da Poesía vaise desenvolver nunha soa xornada ateigada de actividades. Por unha banda haberá tres exposicións dende as nove da mañá nas Covas de Dona Urraca: a pintura de Maite Davila, o collage e a poesía de Gisela Cames e a fotografía de Xiana Quintas. En canto á poesía, o Festival contará cos recitais de Berta Dávila, Antón Blanco, Elvira Ribeiro, Nolim Rodrigues, Claudia Pato, Verónica Martínez Delgado, Manuel Darriba, Anmdrea Nunes e María Rosendo. A música tamén lle colle a man á poesía cos recitais poético-musicais de Three Thin Things, con 'Instances', vietcong e Nacho O ́Jarbanzo, Tanja Haupt e Manuel Rivas con 'Cen mil estorniños'. 

O Grupo de teatro infantil 'Ata sempre' coa obra 'Xogando ao xadrez' e o Limiar Teatro coa adaptación da obra 'Anagnorise' encherán tamén o Festival da Poesía de teatro. O toque musical poñerano os concertos de Sondarúa, Donicelas, Habelas Hainas, Rebeliom do Inframundo, Banda Xangai e Sacha na Horta. Ademais, teñen preparada unha mesa redonda sobre a situación política actual no Estado español, un campionato de billarda, un partido de fútbol gaélico... e outras cantas actividades que se poderán desfrutar ao longo do sábado. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta