Por E.P. | VIGO | 04/09/2018 | Actualizada ás 16:24
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este martes a apertura inminente do aparcadoiro municipal construído á beira do Hospital Álvaro Cunqueiro, unhas instalacións que serán de uso gratuíto "para todos", ata que o Concello aprobe unha ordenanza reguladora para a xestión do devandito aparcadoiro.
Segundo informou o rexedor, o aparcadoiro abrirá "en 15 días" sen restricións de uso por lugar de empadroamento dos usuarios, que disporán de máis de 400 prazas de estacionamento. No entanto, precisou que o goberno municipal está a elaborar unha ordenanza para regular a xestión desas instalacións, de maneira que se imporán unhas tarifas de pago.
Esa ordenanza regulará o uso do cartón PassVigo (ao que só poden acceder empadroados na cidade olívica) como medio de pago do aparcadoiro, de maneira que o Concello subvencionará aos titulares deste cartón o cento por cento do custo.
Cando a norma entre en vigor (non antes de 10 meses), os usuarios do aparcadoiro que non teñan o cartón Pass Vigo deberán pagar o servizo, e Caballero avanzou que é "altamente probable" que os prezos sexan os mesmos que ten o aparcadoiro do Hospital Álvaro Cunqueiro.
PETICIÓN DE GRATUIDADE Á XUNTA
En todo caso, o alcalde de Vigo puntualizou que a actuación do Goberno municipal estará directamente vinculada co que faga a Xunta. Así, proclamou que o Concello "fará o mesmo" que a administración autonómica, é dicir, que "se a Xunta cobra aos usuarios do aparcadoiro do hospital, o Concello tamén cobrará no seu aparcadoiro (a quen non teñan Pass Vigo)", mentres que non o fará se o estacionamento do Álvaro Cunqueiro se volve gratuíto.
Abel Caballero instou aos alcaldes da área sanitaria a que reclamen ao Goberno galego a gratuidade do aparcadoiro do Álvaro Cunqueiro, e avanzou que algúns municipios xa se dirixiron a Vigo para abordar o uso deste servizo.
A ese respecto, o alcalde sinalou que Nigrán, Gondomar, O Porriño e Cangas manifestaron o seu interese por tratar esta cuestión, e avanzou a posibilidade de establecer convenios con estes concellos para que "compensen economicamente" a Vigo polo uso dese servizo e que os seus veciños tamén poidan aparcar gratis.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.