A auga dos cinco continentes chega á fin do mundo

Abanca e Afundación presentan en Fisterra a exposición fotográfica “Auga. O sangue da terra”.

Por Galicia Confidencial | Fisterra | 05/09/2018 | Actualizada ás 21:23

Comparte esta noticia

A Lonxa do Porto de Fisterra acolle a exposición fotográfica «Auga. O sangue da terra», de Manuel Valcárcel.  Esta proposta é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. 

Imaxe  da exposición de Auga. O sangue da terra, de Manuel Valcárcel
Imaxe da exposición de Auga. O sangue da terra, de Manuel Valcárcel

«Auga. O sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas. 

As imaxes están distribuídas en tres bloques. O primeiro, «Os estados da auga», recolle fotografías tomadas en Nova Celandia e Galicia, co río Lor como protagonista, que plasman o paso da auga en estado sólido ao líquido e, ao mesmo tempo, os engarces entre a montaña e o mar.

«A auga e a vida» conforma o segundo bloque con imaxes de dous lugares do continente asiático. Un deles é Varanasi, na India, por onde pasa o río Ganges, que é parte da vida espiritual dos hindús e é destino sacro de peregrinación. O segundo lugar é Longshen Guilin, na China, onde o manexo da auga por parte do ser humano determinou a paisaxe. As ladeiras reconstruíronse con terrazas nas que se cultiva o arroz. 

«Vivindo na escaseza» é o último bloque que trata sobre a escaseza e ausencia de auga. Inclúe imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, quen, aproveitando a época seca, recollen todo o peixe que poden no río Níxer para despois vendelo. A escaseza de auga tamén se ilustra con imaxes do deserto de Atacama, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.

FROITO DA COLABORACIÓN

Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello de Fisterra, a Confraría de Pescadores, ABANCA e Afundación. “Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade”, apunta nun comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta