As Illas Atlánticas é o Parque Nacional máis vulnerable á invasión de especies exóticas polo cambio climático

Existen rexistros de presenza de ata 70 especies exóticas, aínda que non todas elas son necesariamente invasoras. Doñana é o segundo Parque Nacional máis ameazado pola combinación de cambio climático e invasións biolóxicas.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 07/09/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As Illas Atlánticas de Galicia encabezan a clasificación de Parques Nacionais para os que a combinación de cambio climático e invasións biolóxicas supón unha ameaza máis grave. Así o conclúe un estudo promovido polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) no marco do proxecto 'Cambio Climático y Especies Exóticas Invasoras en la Red de Parques Nacionales: diagnóstico, adaptación y gobernanza' (BioCambio), co apoio da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para la Transición Ecológica.

As Illas Cíes
As Illas Cíes | Fonte: Susana Costas.

Os Parques Nacionais que obteñen unha puntuación maior de risco son, por esta orde: Illas Atlánticas, Doñana e Arquipélago de Cabrera. Pola contra, os menos vulnerables ao cambio global segundo esta clasificación son Caldera de Taburiente, Ordesa e Monte Perdido e  Aigüestortes.

O estudo salienta a presenza no Parque das Illas Atlánticas de ata 70 especies exóticas, identificadas nun traballo previo publicado en 2017, aínda que "non todas elas necesariamente invasoras", sendo o que maior número presenta. 

Para a investigación foi seleccionado un grupo representativo de 22 especies exóticas invasoras susceptibles de beneficiarse do cambio climático e cualificadas como "preocupantes" para os Parques Nacionais: 8 especies de auga doce (4 peixes, 1 anfibio, 1 planta e 2 mamíferos), 12 especies terrestres (8 plantas, 2 mamíferos, 1 ave e 1 insecto) e 2 algas marinas.

Oito das 22 especies investigadas neste proxecto están ou estiveron presentes no Parque das Illas Atlánticas, a maioría plantas: herba do coitelo, herba da Pampa, chumbeira, vinagreta, Paspalum paspalodes e orella de gato; tres máis se atopan nas súas inmediacións: o xacinto de auga, a avespa velutina e o mapache; outras dúas mostran "valores de idoneidade moi elevados dentro dos límites do Parque": o coipú e a cotorra de Kramer, "aínda que ningunha delas teñen poboacións próximas ao Parque e, por tanto, o risco de invasión é máis ben baixo", detalla o estudo.

Illa de Ons
Illa de Ons

O traballo tamén subliña que nos espazos insulares e mariños, como o Arquipélago de Cabrera e as Illas Atlánticas, "as emisións de gases de efecto invernadoiro, xunto co aumento da temperatura media global e a diminución da salinidade, poden dar lugar a unha fervenza de cambios nos ecosistemas mariños que aumenten a súa vulnerabilidade de varias maneiras".

Concretamente, dise, isto pode acontecer "directamente, alterando as condicións físico-químicas: principalmente a temperatura, pero tamén a precipitación, cambio da liña do litoral e incremento da aridez. Indirectamente, mediante a chegada de novas especies exóticas invasoras, sobre todo cando se trata de novos grupos funcionais (depredadores/competidores/parasitos) sen equivalente nas comunidades nativas, as cales non contan coas ferramentas necesarias para resistir a invasión".

Os parques que ofrecen condicións climáticas idóneas para o establecemento do maior número de especies invasoras investigadas son Doñana, Monfragüe, Tablas de Daimiel e Illas Atlánticas. Pola contra, os que menos risco presentan son Aigüestores, Sierra Nevada e Caldera de Taburiente. Ante escenarios de cambio climático, os Parques nos que o número de especies exóticas invasoras con potencial de establecemento aumenta son Sierra de  Guadarrama, Picos de Europa e Sierra Nevada.

PROXECTO BIOCAMBIO

O cambio climático e a consecuente redistribución de especies exóticas invasoras representan graves ameazas para a biodiversidade. A Rede de Parques Nacionais, custodia do patrimonio natural estatal, ofrece un refuxio excepcional para a conservación das especies e hábitats máis vulnerables cuxa sustentabilidade a longo prazo está comprometida.

O proxecto BioCambio, que se desenvolve nos 15 Parques Nacionais do Estado español, contempla unha avaliación exhaustiva dos riscos e oportunidades asociados ao cambio climático e as especies exóticas invasoras aos que se enfronta cada Parque Nacional, a simulación de múltiples escenarios de futuro e proposta de medidas de xestión  adaptativa, e a trasferencia dos coñecementos e ferramentas xeradas ao persoal e os usuarios da Rede.

O proxecto busca anticipar os riscos asociados ao cambio global na Rede de Parques Nacionais, para servir non só como unha axuda na xestión das especies exóticas invasoras xa presentes, senón como unha ferramenta para previr futuras invasións que poidan poñer en perigo as especies e ecosistemas emblemáticos que estes lugares albergan. 

A nova achega científica está asinada por Belinda Gallardo, do Instituto Pirenaico de Ecología (IPE-CSIC), e Laura Capdevila, do Grupo Especialista en Invasiones Biológicas (GEIB).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta