O libro electrónico nas aulas, un debate de case unha década

O curso escolar xa comezou. Un dos retos para familias e alumnado é o custe dos libros de texto en papel. O libro electrónico podería reducir de maneira moi substanciosa este gasto nas familias. Un soporte que dure toda a vida escolar e que se iría cargando con material educativo cada ano, como mínimo.

Por Moncho Mariño | Santiago | 12/09/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“O libro de texto electrónico podería ser unha boa solución para as familias” contaba nunha conversa un libreiro en Compostela. “Basicamente terías unha ferramenta que che podía custar uns cen ou cento cincuenta euros e logo poderías subir contidos a esa ferramenta, contidos por vinte ou trinta euros”. A idea non é mala se pensamos na economía familiar e en tempos de crise. Tamén, obviamente está a idea de conectar as aulas ao mundo dixital para crear competencias dixitais ou reforzar as mesmas dentro do alumnado. Sempre, claro está, sen retirar a creación e consolidación de habilidades na escrita e na lectura.

Lendo un libro electrónico nun Kindle de Amazon
Lendo un libro electrónico nun Kindle de Amazon | Fonte: Zenobia Joy Flickr

Con todo, o avance neste campo segue sendo lento e mesmo os proxectos de dixitalización nas aulas postos en marcha pola administración, son considerados insuficientes ou mesmo deficitarios por parte de sectores como o editorial ou as mesmas asociacións de pais e nais de alumnos. E outro dato curioso é que, a pesar da extremada dixitalización dentro dos adolescentes, o uso de e-books non está sendo o esperado polo sector editorial.

EDUCACIÓN

A Consellería de Educación desenvolveu a denominada estratexia Edudixital 2020 que ten dous piares “o impulso ás competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e por outro lado a extensión do proxecto dixital”. Os obxectivos marcados no primeiro punto eran “lograr que todo o alumnado de ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21 para acadar un nivel adecuado de competencia dixital e científico-tecnolóxica. Romper coa fenda de xénero nos estudos STEM. Chegar aos 300 centros e máis de 20.000 alumnos con E-Dixgal”. Sobre o segundo punto, a extensión do proxecto dixital, Educación sinala as competencias STEM, “que nos últimos anos estamos impulsando facendo especial fincapé en nenos e nenas para rachar así coa fenda de xénero nestes estudos”.

Os planos piloto comezaron no ano 2014, como apunta o director do IES Perdouro de Burela, Santiago Pérez Docobo, “nós fomos dos primeiros logo de que se normalizase o proxecto e se extendense a todos os centros que tiñan proxecto Abalar”. Segundo a súa experiencia, Pérez Docobo apunta que “estamos satisfeitos despois dun ano traballando co Dixgal logo dun ano de aprendizaxe”. “O alumnado recibe un portatil de doce polegadas, que levan para a súa casa e no centro sincronízanse cos temarios que estarían na nube, así só teñen que levar dous ou tres libros de texto que mesmo algún se lles presta no centro” sinala Pérez Docobo. Ademais disto, tamén se apunta a gratuidade dos contidos e a eliminación de peso a levar polos alumnos así como reducción de gastos.

Desde a Confederación de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos, CONFAPA, o seu presidente Rogelio Carballo, di claramente “estamos a favor de calquera modelo que supere o libro de texto, pois hoxe en día hai modelos interesantes, o libro de texto non deixa de ser un vehículo de coñecemento pero ten unha vixencia cuestionable”. Non obstante, no que toca ao libro electrónico “non é un libro “per sé”, senón unha traslación dun libro de texto físico a un libro de texto dixital”, por iso considera que “pagarlle ás editoras por facer documentos PDF dos libros físicos non nos parece razonable”. Sobre o gasto en libros de texto “o que hai é unha traslación do gasto desde as familias cara a administración en libros electrónicos e libros solidarios, que son o mesmo gasto”. O diñeiro que se destinaba ao libro en papel é cuberto pola administración, “pero nós pagamos eses libros cos nosos impostos, por iso o de traslación”. Sobre a substitución completa do libro de papel, “non estamos seguros de todo, pero sabemos de programas que prescinden do libro de texto e que funcionan moi ben”.

EDITORIAIS E LIBREIROS

Os demais sectores implicados, editoriais e libreiros, tampouco ven moi claro que o libro de texto electrónico estea a ser unha solución de cara un novo marco educativo no século XXI. Desde Editorial Xerais, Xosé Manuel Móo, coordinador da área educativa primeiro aclara: “O abano de posibilidades dun libro dixital educativo é moi amplo, non existe un modelo estándar definido porque os axentes implicados continuamos nunha fase de experimentación sobre este asunto, o que leva á diversificación de que estamos falando”.  Por outra banda, consideran que o actual sistema de implantación do libro electrónico desde a Consellería de Educación “centrada basicamente no desenvolvemento do programa E-Dixgal, non nos semella a máis adecuada. Dende a propia Asociación Galega de Editoras considérase que se debe producir unha reconsideración por parte da Consellería para chegarmos a un acordo que sexa beneficioso para todas as partes”. Especialmente lles merece resaltar o obxectivo de “acadar uns bos resultados de ensino-aprendizaxe para o profesorado e o alumnado a través dunha adecuada aplicación das ferramentas dixitais pero sen minusvalorar os contidos”.

Francisco Castro, director de Galaxia, declara que por suposto a súa editora aposta polo libro electrónico, pero “tamén somos conscientes do mundo real, da facturación, pois no conxunto do Estado español a facturación é ridícula”. Nos últimos anos, segundo Castro, esta facturación en electrónico iría en descenso e no caso galego aínda máis. “O noso soño é publicar tanto en electrónico e papel ao mesmo tempo, apostamos moi forte aínda que o retorno non xustifica o investimento”. “Estou convencido de que a substitución do libro de texto en papel polo dixital vai ser total, porque o formato dixital está funcionando moi ben no mundo académico” remata Castro. O caso é que Galaxia, que non se dedica ao libro de texto, si fixo un deseño propio para libros electrónicos de lingua e literatura galegas “porque entendemos que o galego ten que estar e por iso creamos unha serie de materiais que os profesores podían descargar”.

Francisco Castro destaca que o consumo de e-books segundo a análise de libreiros e editoriais, está descendendo, aínda que baixar contidos gratuitos é algo que vai en aumento. Por tanto, “sería interesante saber ata que punto a administración se tería que implicar no desenvolvemento deste elemento”. E a pesar de iniciativas como Galicia Le “por parte da administración galega non hai ningunha clase de axuda para que as editoras asumamos ese reto que queremos asumir”. Sobre os programas e fórmulas empregadas sobre os modelos educativos da Consellería “considero que son unhas fórmulas anecdóticas, porque en xeral non hai esa sensación de que haxa materiais ou plataformas, agás o Abalar, que dean como resultado de axilidade e actualización que eles demandarían”.

Sobre se os prezos son causa da escasa implantación do dixital, Xosé Manuel Móo aclara “a relación dos prezos entre papel e dixital no ámbito educativo non son comparables na medida en que os contidos que se ofrecen non son os mesmos”.  Se se fai unha comparación entre edición literaria  habitualmente “o ebook é un 30% máis barato, pero na edición educativa non temos rango de comparación porque ofrecemos contidos distintos”. En calquera caso “no ámbito educativo, non se pode falar en termos de competitividade para o libro dixital, senón en termos de servizo e eficacia”.

Desde a Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez,  declara que “se os nenos e nenas están dentro do programa Abalar, non precisan de préstamos de libros” pero ademais “as vendas diminúen porque aos nenos e nenas lles baixan os contidos que están nos ordenadores que lles achegan”. Sobre a desaparición do libro tradicional “esperemos que iso non suceda pero é que ademais pensamos que o libro electrónico debera ser un complemento para o ensino”.

A achega do libro electrónico nas aulas está implantándose de maneira lenta. Aínda así, como apuntaban Santiago Pérez Docobo, director do IES Perdouro, a cuestión é que os mozos e mozas de hoxe en día son os “nativos dixitais” que, sen problema algún, se adaptaron ás novas tecnoloxías e o uso de ferramentas electrónicas poden supor un aumento nas súas competencias dixitais. Por outra parte, hai voces dentro do sector do profesorado que consideran a substitución do libro en papel como unha perda de fondos de coñecemento. A cuestión é que o avance do libro de texto electrónico é un feito, non se pode obviar, pero as cuestións para pais e tamén profesores e editoras está nos contidos e como xeralos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O negocio dos libros de texto non ten límites... agora venden licencias por UN ANO polo mesmo prezo do libro en papel... (5 euros menos é unha vergoña!) Non teñen que imprimir en papel pero os prezos non baixan e sobre todo as licenzas que venden CADUCAN ao rematar o ano... Víchedes unha rateira tan ben montada ???