GC Aberto

Constitución e xénero

Sen ningunha dúbida, a identidade de xénero —como a orientación sexual— é unha característica igual de íntima e persoal que a ideoloxía, a relixión ou as crenzas que profesamos. E case tan plural, xa que unha persoa pode sentirse de xénero masculino, feminino, de ambos á vez, de ningún deles ou dalgún outro que nin coñecemos nin imaxinamos.

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 24/09/2018

Comparte esta noticia

¡Xa está aquí o mes de setembro! E con el comeza un novo ciclo nas nosas vidas, pois así está socialmente establecido. Iniciaranse certos cambios…, previa regulamentaria petición por escrito a institucións, organismos e organizacións.

Constitución da Mesa da Cámara galega na X Lexislatura
Constitución da Mesa da Cámara galega na X Lexislatura | Fonte: EP

É habitual que nas solicitudes que presentamos ante os concellos, os ministerios, as universidades, as oficinas de emprego, etcétera, exista unha casa na que se nos pregunta sobre o noso sexo ou xénero, coas seguintes opcións: masculino/feminino ou home/muller. Trátase, a maioría das veces, dun dato irrelevante e innecesario que, polo xeral, pódese deducir do noso nome de pila e que, en todo caso, habería que encadralo no dereito fundamental recoñecido no artigo 16.2 da Constitución Española —da que se cumpre o cuadraxésimo aniversario neste ano 2018—, cuxo tenor literal di así: «Ninguén poderá ser obrigado a declarar sobre a súa ideoloxía, relixión ou crenzas». 

A razón para incluír este dato baixo a tutela do citado artigo é que, sen ningunha dúbida, a identidade de xénero —como a orientación sexual— é unha característica igual de íntima e persoal que a ideoloxía, a relixión ou as crenzas que profesamos. E case tan plural, xa que unha persoa pode sentirse de xénero masculino, feminino, de ambos á vez, de ningún deles ou dalgún outro que nin coñecemos nin imaxinamos, e iso non ten por que manifestalo nin recoñecelo ante ninguén se non o desexa facer. 

Por este motivo, cando se produza a tan necesaria e prometida reforma da Constitución de 1978, os representantes dos cidadáns ademais de abordar as modificacións de gran calado político e social como a organización territorial do Estado, a transformación dos principios reitores da política social e económica en verdadeiros dereitos constitucionais, ou a orde de sucesión á Coroa —dado que a monarquía non se cuestiona, polo menos teríase que suprimir ademais da preferencia do home sobre a muller a arbitrariedade da  primoxenitura—, non poderán esquecerse de ampliar o marco dos dereitos fundamentais adaptándoo á realidade do século  XXI, no que nos atopamos.

No caso concreto do citado artigo 16.2, propoño a seguinte redacción:

«Ninguén poderá ser obrigado a declarar sobre a súa ideoloxía, relixión, orientación sexual, identidade de xénero, crenzas ou calquera outro trazo de carácter íntimo e persoal de análoga natureza».

Resulta esencial lembrar aquí cal é a protección que outorga a vixente Carta Magna ao dereito recollido no artigo cuxa  perfectibilidade estou a expor. Ao estar situado na Sección primeira («Dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas») do Capítulo segundo  («Dereitos e liberdades») do Título primeiro («Dos dereitos e deberes fundamentais»), áchase baixo a especial protección do artigo 53, que recoñece aos cidadáns a capacidade para esixir o seu cumprimento mediante un procedemento preferente e sumario ante os tribunais ordinarios e, no seu caso, presentando un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional ( TC).

En consecuencia, toda persoa que considere que foi violentada a súa potestade de non declarar acerca de calquera das anteriores características íntimas debería esixir, vía tribunais  —chegando até o  TC se fose necesario—, o respecto do dereito fundamental individual establecido no artigo 16.2 do cal estou a expoñer a súa aconsellábel actualización e modernización.

Sen esquecernos de que as administracións públicas e as empresas privadas son os maiores quebrantadores do mesmo.

Xabier Vila-Coia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta