A 'vella' Pescanova defende a súa continuidade, pero recoñece que o seu futuro depende dos litixios abertos

Os principais accionistas, Fernández de Sousa e Paz Andrade, non mostran "ningún interese" pola sociedade, segundo o Consello. Nueva Pescanova puntualiza que non está obrigada a pagar a fianza da 'vella' Pescanova na causa da Audiencia Nacional.

Por E.P. | VIGO | 18/09/2018 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

O Consello de Administración da 'vella' Pescanova garantiu este martes, ante a xunta de accionistas, a continuidade da sociedade, aínda que o seu presidente, Luis Malo de Molina, recoñeceu que o futuro da compañía está condicionado polo resultado dos litixios xudiciais que ten abertos.

Xunta de Accionistas da 'vella' Pescanova
Xunta de Accionistas da 'vella' Pescanova | Fonte: Europa Press

Na xunta de accionistas celebrada este martes en Redondela, Malo de Molina trasladou a situación da 'vella' Pescanova que, após o concurso de acredores e a creación de Nueva Pescanova, quedou convertida nunha sociedade de carteira sen actividade produtiva, e cuxo principal activo é a participación na pesqueira, agora propiedade dos bancos (e que pasou de ser do 20 por cento ao 1,65 por cento tras a ampliación de capital de abril de 2017).

Así, informou de que a sociedade está á espera de que a Audiencia Provincial de Pontevedra resolva o recurso de apelación interposto contra a desestimación da súa demanda contra esa ampliación de capital. Se o órgano xudicial provincial estima este recurso (podería haber sentenza en 2019), e a 'vella' Pescanova volve ter o 20 por cento de Nueva Pescanova, a súa situación financeira cambiaría "radicalmente", e permitiría mesmo plantexar a recuperación da actividade produtiva, segundo apuntou o presidente do Consello de Administración.

Esta sociedade está pendente tamén doutra fronte xudicial, pola demanda interposta contra a formalización dun crédito supersenior por parte de Nueva Pescanova. Este litixio dirímese nun xulgado de primeira instancia vigués, pero Luis Malo de Molina recoñeceu que a súa tramitación é "complexa" e a resolución non chegará nun prazo curto.

"TRANQUILIZAR" OS ACCIONISTAS

Por outra banda, o presidente do Consello tamén se referiu á causa xudicial que afecta á antiga cúpula de Pescanova, e que se segue na Audiencia Nacional. A ese respecto, quixo "tranquilizar" os accionistas, e apuntou que tanto as fianzas que se esixen (que están pendentes de recurso) como as posibles responsabilidades, deberán ser afrontadas por Nueva Pescanova, tal e como se estableceu nos acordos previos.

Con este escenario, proclamou que Pescanova pode "garantir a súa continuidade", aínda que recoñeceu, posteriormente e en declaracións aos medios, que se as frontes xudiciais abertas se resolven en contra da sociedade, esta quedará nunha situación "moi complexa", que comprometería a súa viabilidade.

AUSENCIA DA ANTIGA CÚPULA

Os principais accionistas da 'vella' Pescanova son, ademais de dous fondos de investimento (Luxempart e Silicon Metals), Manuel Fernández de Sousa, cun 7,51% das accións; e Alfonso Paz Andrade, con algo máis do 3%. Aínda que hai que ter en conta que estes últimos teñen os seus títulos embargados, precisamente pola causa xudicial que se segue contra eles na Audiencia Nacional por falsear contas, branqueo, insolvencia punible e outros supostos delitos.

O consello de administración da sociedade recoñeceu este martes que non ten "contacto" con quenes foran os máximos dirixentes de Pescanova, e que eles tampouco mostraron "ningún tipo de interese" polo futuro da sociedade.

ACORDOS DA XUNTA

Na xunta de accionistas deste martes, ademais de trasladarse información acerca das accións xudiciais que afectan a Pescanova, sometéronse a votación as contas anuais e informe de 2017, a aplicación de resultados ou as retribucións dos conselleiros. Todos os puntos foron aprobados por unanimidade ou por ampla maioría.

A 'vella' Pescanova pechou o exercicio fiscal de 2017 (até finais de novembro) con perdas de 6.000 euros; mentres que, no primeiro trimestre fiscal de 2018 (desde decembro de 2017 até febreiro deste ano), as perdas comunicadas foron de 26.000 euros.

NUEVA PESCANOVA RESPONDE

Nueva Pescanova puntualizou este martes que non ten obrigación de "entregar cantidade algunha" á 'vella' Pescanova para que esta abone a fianza requirida no proceso que se segue na Audiencia Nacional contra a antiga cúpula da pesqueira.

Ao contrario do que mantivo o Consello de Administración de Pescanova S.A. este martes ante a xunta de accionistas, a pesqueira precisou que "non existe ningunha obriga" de achegar esa cantidade, e apuntou que a fianza requirida (algo máis de 348 millóns no caso da 'vella' Pescanova) é unha garantía que se lle pide a esta sociedade, que está procesada pola Audiencia Nacional na causa contra a antiga cúpula por falsidade, uso de información privilexiada, branqueo e outros supostos delitos.

"Gustaríanos lembrar que Pescanova S.A., a 'vella' Pescanova, é unha sociedade en carteira cuxa participación en Nueva Pescanova limítase a ser propietaria do 1,6 por cento do seu capital", engadiron fontes da multinacional pesqueira.

Nueva Pescanova saíu ao paso e asegurou que, non só non está obrigada a pagar esa fianza, senón que, lembrou, os feitos axuizados pola Audiencia Nacional "son anteriores á existencia de Nueva Pescanova S.L.".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta