A Xunta négase a negociar co IES de Brión e advirte que os nenos terán "problemas co curriculum" se non van a clase

Román Rodríguez non quere falar coa Anpa do IES de Brión e pídelles aos pais "que envíen aos nenos a clase".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2018 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta, Román Rodríguez, rexeitou que a Xunta vaia mediar entre inspección e a asociación de nais e pais (Anpa) do IES de Brión (A Coruña), que protagonizan un peche no centro desde hai xa unha semana para pedir máis persoal docente, á vez que pediu ás familias "que envíen aos nenos a clase".

Román Rodríguez, novo conselleiro de Cultura e Educación
Román Rodríguez, novo conselleiro de Cultura e Educación

Así o expresou este venres, en declaracións aos medios, nun acto en Santiago no que insistiu en que a Administración autonómica "non pode tomar medidas arbitrarias nin en contra dos informes técnicos". "Se inspección entende que é posible desenvolver a actividade educativa nesas situacións, obviamente hai que confiar e crer" neste servizo, abundou o conselleiro.

Ademais, Rodríguez fixo un chamamento para que "os alumnos vaian a clase". E é que, segundo datos do propio Anpa, que adoptou esta medida de protesta, tan só seis estudantes acudiron ao instituto este venres.

Neste sentido, advertiu de que, se as familias "seguen con esa actitude", os alumnos "póden atoparse con problemas para desenvolver todo o curriculum" do curso, aínda que preveu que os pais "farán o que estimen oportuno". No entanto, Rodríguez reduciu a cuestión a un "desencontro entre os servizos técnicos de inspección e a opinión das familias". Así, explicou que "non hai un incremento de grupos" no IES, senón "simplemente un incremento de alumnos dentro dos grupos preexistentes" o curso anterior.

De igual modo, o conselleiro reiterou que o comezo do ano académico está a ser "moi tranquilo" en toda Galicia: "Hai que ver as cuestións en escala e non pensar que un caso concreto pode ser a tónica xeral do inicio de curso".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta