Bos e xenerosos ou imbéciles e escuros?

“Viver é fazer meia com uma intenção dos outros.” (Livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 04/10/2018

Comparte esta noticia
Galicia, malia contar con excelentes condicións para que acontecera o contrario, posúe un dos territorios máis desordenados e estragados de Europa. Os poderes centralistas –coa conivencia dos aparentemente autóctonos– obran a miúdo con aleivosía para abafar as posibilidades de ir cara a adiante, tinguindo ou aniquilando calquera inciativa política ou económica, sospeitosa de ter algunha relación coas nosas sinais de identidade. 
 
Os 314 concellos galegos, conformados pola metade dos núcleos de poboación do Estado, son aldraxados por un financiamento talmente discriminatorio. A poboación desta esquina do mapa, a máis avellada do mundo, recibe as pensións máis miserentas do sistema. A xente nova busca a vida na emigración e, a que atopa traballo na Terra é en actividades que non teñen que ver coa súa formación, ou en condicións de auténtica escravitude, por mor dunha lexislación revirada, pero tamén mercé a un empresariado galego desleixado, que arrepía cando oe falar do sentido de pertenza. Cada ano que pasa non só hai menos mozos que falan o seu idioma materno, senón que medra o número dos que renegan del, produto da incultura e desprezo polo propio que imbúe aos nosos gobernantes. Non hai plans ou proxectos serios pero, se os houber, é evidente que nin os seus autores crerían neles. Existen e agroman, iso si, moreas de trangalladas e actitudes políticas, propias dun País talmente descarrilado, completamente desnortado. 
 
Moitos empregados da TVG só falan galego cando están diante da pantalla e o alcalde da cidade máis poboada de Galicia –Abel “el iluminado”– nunca dá unha palabra na lingua de Rosalía, malia o “G” do partido ao que pertence. Sabemos da existencia da Real Academia Galega porque os seus membros, cando se reunen, só debaten sobre un gran dilema: Debe pertencer Ferrín a este club? Seica hai unha institución, o Consello da Cultura Galega, que ten como finalidade promover os valores culturais do pobo galego, pero ninguén sabe da súa existencia e, se alguén o soubera, sería incapaz de explicar para que serve. Amais diso, nese neste xardín cheo de rosas, tamén hai quen se afana en discutir a lexitimidade da gráfíca que usan os poucos galegofalantes que quedan no País.
 
E así podiamos botar meses falando das doenzas dun pobo, no que os seus líderes políticos abdican decotío da súa principal obriga: a de procurar o principio activo capaz de fortalecer a pouca autoestima que posuímos, no canto de azacotar, como se fose un porco de ceba, un correúdo autoodio que nos destrúe sen piedade. 
 
Ah! O meu tío Lisardo pensa que, se é certo que os partidos madrileños –PP, PSOE e C´s– son causantes principais da malura que padecemos, sería desexábel que En Marea, BNG, CxG e galeguistas sen militancia partidaria se molestaran en buscar o mínimo común denominador que serva de base para artellar unha proposta, con vocación de ser hexemónica nos concellos, nas deputacións e no Parlamento galego (e determinante nas Cortes do Estado) capaz de frear a deriva na que se atopa Galicia e para endereitar o seu rumbo, antes de que todo podreza sen remedio. E, se non o conseguen, alomenos deberían ter a decencia de eliminar do himno galego aquel verso dos bos e xenerosos e a coraxe de entoar con maior énfase aqueloutro dos imbéciles e escuros, para así poder presumir dunha certa dose de coherencia.  

A vellez comeza a ser habitual nas zonas rurais, onde vive a xente maior e marcha a máis nova
A vellez comeza a ser habitual nas zonas rurais, onde vive a xente maior e marcha a máis nova | Fonte: Matteo Bertolino
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Secretario-interventor de Administración Local xubilado. Foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da FEGAMP (Fedreación Galega de Municipios e Provincias) e Delegado da Consellería de Industria de Ourense no goberno do bipartito. Militou no BNG e en CxG. Hoxe en día non ten afiliación política. Na actualidade dedícase á actividades culturais, especialmente a través do Museo da Limia, no que desempeña o posto de Coordinador do seu Padroado.